O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta que “utilice tódolos instrumentos legais” para frear a poxa da empresa de O Porriño Maderas Iglesias e atopar novos investidores. O responsable socialista mantivo un encontro co Comité de Empresa de Maderas Iglesias ao que asistiu o portavoz do Grupo socialista, Gonzalo Caballero, así como as portavoces de Emprego e Xustiza, Carmen Rodríguez e Paloma Castro.
O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “non dea por perdido o investimento público que ten recibido a empresa”, e que ascende a 2,4 millóns de euros a través do Igape, e que se implique na busca de novos investidores, activando ademais os mecanismos de axuda para evitar o peche dunha empresa que da traballo a 150 traballadoras.
Os socialistas galegos demandan o respaldo do goberno galego a unha plantilla pendente da “conta atrás” ata a poxa despois de “unha década de problemas financeiros”, e reclama a implicación da Xunta que veñen solicitando os traballadores e traballadoras.
Sinala que “a inquedanza entre os traballadores é total polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto”. Os traballadores mesmo temen que o inmoble, valorado en 28 millóns de euros, sexa vendido por unha cantidade inferior con miras ao negocio inmobiliario2.
Lembra que esta empresa é “referencia na fabricación de solos de madeira, parqué e tarima flotante”, ten 80 anos de historia e “no seu mellor momento chegou a ter máis de 800 persoas no cadro de persoal e fabricar para o mercado español e exportar ao mercado internacional”.