O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que aclare “de xeito inmediato” a posibilidade de habilitar ensinanza non presencial por motivos de saúde. O responsable socialista critica a “estratexia dilatoria” da Consellería, que “empraza ao Comité Educativo a crear subcomisións provinciais que analicen a situación”.
Álvarez quere que a Xunta especifique aos centros educativos “a existencia de circunstancias excepcionais para a consideración de faltas xustificadas” para os alumnos que decidan non ir a clase por motivos de saúde. Reclama unha aclaración para os casos nos que os alumnos ou persoas convivintes “afectados por patoloxías previas nas que o contaxio da Covid – 19 puidese representar un risco severo de agravamento ou mesmo ter consecuencias letais”.
Así o dixo logo de constatar “un número elevado de nais e pais de Galicia que demandan ensinanza non presencial” por este tipo de casos, ata o punto de que a propia Valedora do Pobo remitira unha recomendación, o pasado 6 de outubro. A Comisionada do Parlamento apelaba a 64 expedientes de queixa que formulaban a petición de docencia en liña precisamente por este tipo de situacións.
A Valedora propón nesa recomendación que “cando se acredite nos correspondentes informes médicos” e así o soliciten os representantes legais do alumno afectado, “a Consellería de Educación adopte as medidas de educación a distancia previstas con carácter xeral mediante as aulas virtuais”. Estas medidas deben aplicarse tamén “respecto ao alumnado que parcialmente estea en corentena cando non exista suspensión xeral da actividade presencial na aula”.
O parlamentario socialista alude a “elementos suficientes para que a Consellería dite instrucións aclaratorias”, máxime cando son habilitadas polo protocolo para a prevención do absentismo, que “ten flexibilidade suficiente para a súa aplicación nos supostos que nos ocupan”. Sinala que “non é necesario dilatar a adopción de solucións encargando ao Comité Educativo a creación de comités provinciais para analizar unha situación que require unha resposta inmediata”.
Lamenta así que a Consellería pretenda “centrifugar” a súa responsabilidade “encomendando ao Comité Educativo que constitúa comisións provinciais de seguimento”, cando “se pode dar cunhas instrucións claras aos centros que garantan un tratamento uniforme dos casos”.