O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou hoxe da imprevisión e desleixo da Xunta á hora de implantar o teletraballo. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional do Parlamento na que alertou de que Galicia “non está preparada para o confinamento” manténdose por debaixo da media do teletraballo do Estado.
Arangüena advertiu que “o teletraballo non está adecuadamente implantado na Xunta, que non está preparada para unha nova situación de confinamento” e condena aos seus traballadores a repetir os mesmos problemas que se atoparon a partir de marzo, cando o 80 por cento se atoparon con “grandes problemas”.
O responsable socialista advertiu que a porcentaxe de funcionarios que están actualmente teletraballando e “ínfima”, a pesares de que “o Goberno galego presuma de que ten triplicado o número de funcionarios” acollidos a esta modalidade. A realidade, explicou, é que están a falar de 625 traballadores, e que “con respecto ao 2,5 por cento de funcionarios que tiñan o ano pasado segue a ser unha porcentaxe moi baixa”.
Dinámicas do século XIX
Sinalou que a Xunta “ni está nin se lle espera”, xa que “traballa no século XXI con dinámicas organizativas propias do século XIX”. Neste sentido, sinalou que “carecen de control da xestión, non miden os resultados simplemente porque non teñen obxectivos definidos e cuantificables, carecen de identificadores e tampouco teñen unha estratexia propia de control da xestión máis aló do ir tirando, nin recursos dedicados ao control da xestión do persoal nin orzamento”.
Explicou que a pandemia e o confinamento puxeron “en evidencia o desfase dunha administración obrigada a facer fronte a unha realidade cambiante e líquida, diante de fenómenos imprevistos que afectan á sociedade”. Subliñou que a situación sanitaria e a obriga de adaptarse ao confinamento demostrou a “necesidade de que a administración autonómica faga o seu traballo, sexa previsora e aproveite a experiencia para mellorar a normativa” do traballo a distancia.