A portavoz de Universidades do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe ao PP de “constreñir ás universidades públicas” beneficiando a oferta de estudos de mestrado das privadas e provocando a perda de talento que sae de Galicia. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta un Plan especial de impulso dos estudos de mestrado e axudas complementarias a estes estudos, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de manter deliberadamente “coartadas” ás universidades públicas, ás que lles impide facer crecer a oferta de máster, deixando un “grande negocio” para as privadas. Sinalou que, debido a esta xestión do goberno galego, Galicia foi a Comunidade Autónoma na que menos creceron os estudos de mestrado, un 54,81 por cento no curso 2016-17, fronte ao 96,98 por cento no que medraron na media do Estado.
Criticou ademais a “política caótica e contraditoria” que impide ás universidades galegas establecer unha programación da oferta de estudos de mestrado, e aludiu ás demandas do propio reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que reclamou maior apoio da administración autonómica.
Reclamou “cambiar a política da Xunta de Galicia” con respecto a estes estudos de mestrado, impulsando tanto a oferta, que en Galicia resulta “excesivamente escasa”, como na mellora das condicións dos estudantes con axudas complementarias. Se as axudas da Xunta para estudos universitarios son hoxe “moi escasas”, dixo, para os mestrados destinan un orzamento “irrelevante”, cando no curso pasado déronse 77 axudas por 100.000 euros.
Burgo explicou que as medidas propostas para “democratizar o acceso a estes estudos e romper as barreiras económicas e sociais excesivas que existen en Galicia”, con medidas que suporían un investimento estimado de 5 millóns de euros, que resulta “perfectamente asumible” polo goberno galego.