A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe no Parlamento o nomeamento do ex conselleiro e ex candidato do PP á alcaldía de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, como novo presidente do Consello Económico e Social. A responsable socialista acusou ao presidente da Xunta de “facer prevalecer os intereses do PP sobre o interese xeral” cun nomeamento que pon en cuestión a independencia política do órgano.
Rodríguez Rumbo interveu na comparecencia de Hernández diante da Comisión de Economía do Parlamento para presentar a dita candidatura, onde advertiu que “o CES non debera converterse nunha institución de tipo político”. Alertou da “falla de independencia e de autonomía” do candidato á presidencia, a quen “non se lle coñece experiencia en materia económica e social, pero si política”.
Lembrou a súa traxectoria política, e replicou á súa decisión de deixar o carné do partido advertindo que “os militantes do PP fanse independentes unha vez propostos á presidencia do CES, e inmediatamente despois volven á militancia activa”. Apuntou así ao caso da súa predecesora, Corina Porro, quen logo de pasar polo órgano volveu ao PP como delegada da Xunta en Vigo.
Begoña Rodríguez Rumbo situou a candidatura de Hernández dentro do proceso de “recolocación” dos 5 ex conselleiros do goberno de Feijóo que fracasaron nas súas candidaturas ás alcaldías das cidades galegas. Así, no caso de Beatriz Mato -A Coruña- e José Manuel Rey Varela –Ferrol- permanecen como deputados no Parlamento de Galicia, mentres os candidatos de Vigo, Elena Muñoz, e Ourense, Jesús Vázquez, foron nomeados senadores.
A particularidade, advertiu a deputada socialista, é que “se ben as catro anteriores recolocacións son claramente partidarias, no caso do CES debera preservarse o carácter independente do organismo”. Lembrou o trato dispensado polo goberno galego a este órgano, que no que vai de Lexislatura se preocupou de eludir os informes previos do órgano aos “pouquísimos textos lexislativos” que ten presentado o goberno galego.