O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe que a Lei de Garantía de Abastecemento nos Episodios de Seca foi presentada pola Xunta sen incluír o financiamento necesario e “plagada” de procedementos coercitivos. Álvarez interveu no debate en Comisión do ditame da Lei, que foi aprobada polo PP coa abstención dos socialistas, e que quedou pendente do debate final en Pleno.
Augurou “bastantes modificacións desta Lei” nos próximos anos polos problemas que arrastra dende o seu nacemento malia ter incorporado 14 das 46 emendas que presentaron os socialistas galegos. Álvarez reclamou un texto centrado “nos mecanismos de colaboración” antes de procesos punitivos, e sinalou que a falla de financiamento “está preabocada a problemas, porque non garante axudas para os concellos, para auditorías nin para o seu cumprimento”.
O responsable socialista advertiu que o PP e o goberno galego “perden a oportunidade histórica de regularizar as sancións relacionadas coa xestión da auga”, mantendo “diferenzas segundo o concello”. Ademais, dixo, incorpora “prazos moi curtos e de difícil cumprimento para os concellos”, cunha severidade que non se repite no canto da Xunta de Galicia, coa que se amosan “laxos”.
Luis Álvarez puntualizou tamén a incorporación dun gravame sobre perdas superiores ao 20 por cento das augas, que será imposto sen incluír antes un plan de actuacións que promova as obras necesarias para dar cumprimento ao requisito de redución das perdas.
Falla de transparencia
O parlamentario socialista criticou finalmente que a Lei obvia o informe anual de Augas de Galicia sobre as obras previstas para executar. Sinalou que mentres o ente debe de incorporar a planificación anual na Memoria de Orzamentos, “por algunha razón o PP vai impedir que informe anualmente e con transparencia de algo tan relevante”.