A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, criticou hoxe o Proxecto de Lei de Rehabilitación da Xunta de Galicia, que cualificou de “bonito escaparate de ferramentas que xa existían” e que “cae na desprotección e desatención de competencias” para xustificar a axilización e os incentivos á rehabilitación. Así o dixo no debate en Comisión desta Lei, que hoxe pasou o último trámite parlamentario antes do debate final en Pleno.
A responsable socialista lamentou que o PP tan só aprobara 34 das 166 emendas presentadas polos socialistas galegos, rexeitando aquelas que tiñan maior peso para incrementar compromiso, a dotación orzamentaria e a participación nos procesos de rehabilitación. Advertiu que “onde tiña que ser ilusionante é decepcionante, onde tiña que comprometerse opta por desentenderse, onde tiña que incentivar, opta por sancionar, e onde tiña que protexer aposta por desamparar”.
Os socialistas galegos reclamaron o compromiso co patrimonio e maior dotación para as oficinas dos servizos provinciais de Patrimonio, mentres esta norma “delega nas entidades locais a responsabilidade de informar das actuacións nos cascos históricos e nos BIC”. Acusou ao goberno galego de delegar nos concellos pero negándolles os fondos adicionais necesarios para contar con servizos adecuados.
Advertiu que a lei “parte da base de culpabilizar aos propietarios e propietarias”, e censurou que non pode pretenderse que unha administración consentidora e pouco atenta coa paisaxe e a protección do patrimonio, agora pretenda resolver o problema a golpe de sancións”. Ademais de que, engadiu, “crea un canon que se aplica nuns casos e non noutros”, e que “só sanciona o abandono nos casos de edificacións en áreas estratéxicas”.
Covarde
María Pierres cualificou de “covarde” esta norma na que “falta valentía para afrontar o gravísimo problema da recuperación do patrimonio construído e para afrontar a rehabilitación non só dos centros históricos, senón de todo o patrimonio que conforma cidade”. Os socialistas criticaron que o Goberno galego se centre no canon de inmobles en estado de abandono en lugar de “involucrar e incentivar a participación da cidadanía no proceso”.
Criticou tamén que a Lei “rezuma postureo” no canto do compromiso e dotación de axudas por parte da Xunta, que converte en algo “potestativo e non obrigatorio”, sen comprometer fondos anuais, o que fai que “esta lei teña nacido baleira no seu contido”. Advertiu que a norma “prima o interese privado sobre o público considerando que este é o único impulsor da actividade de rehabilitación”.
Sinalou ademais que o PP rexeitara as emendas dos socialistas para asegurar a defensa dos dereitos dos cidadáns, esixíndolle á administración “o mesmo compromiso de cumprimento de prazos nos informes que para o administrado nos prazos de presentación da documentación ou alegacións”.
Si que saudou a introdución da perspectiva de xénero como un dos principios guía da Lei, e chamou a que “agora que existe a oportunidade de revisar, rehabilitar, rexenerar e recuperar as cidades, se faga contando non só co modo de moverse e de habitar das mulleres”. Reclamou que se incorporen “todos os colectivos que tradicionalmente teñen dependido delas, como son os menores, os nosos maiores e as persoas dependentes”.