O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe a laxitude do goberno galego á hora de regular os horarios das casas de xogo e de apostas. Torrado presentou unha pregunta en Comisión na que alerta de que estes locais fican á marxe das restricións da Xunta por motivos da pandemia, que si afectan aos locais de hostalería e ocio nocturno, o que os converte nunha parada máis da actividade de ocio da poboación.
Torrado sinalou ao goberno galego por ter “posto unha venda nos ollos” de cara a estes locais, xerando un problema sanitario tanto dende o punto de vista da evolución da pandemia como polas facilidades “extremas” de consumo e actividades de xogo que se producen no interior. Amosou a súa “sorpresa” pola “argumentación excesivamente xustificadora coas casas de xogo e de apostas” por parte do director xeral de Emerxencias e Interior.
Explicou que estes locais ficaron á marxe da Orde de 14 de agosto que si que restrinxía os horarios de apertura do resto de instalacións de apertura, cando “outras Comunidades Autónomas como o caso de Navarra cando menos os puxeron no mesmo epígrafe”. Esta situación, ademais dun problema sanitario, provoca unha vantaxe competitiva co resto dos locais de hostalería que si están obrigados a pechar.
Considera “gravísimo que o goberno galego estea incitando a ir a locais que xa eran un problema de saúde”, que están a facer “moito esforzo en evidenciar o seu paralelismo con locais de ocio para atraer consumidores”. Ademais caracterízanse por dispor de “facilidades para consumir extremas, ademais dun cumprimento da normativa laxo no seu interior e –engadiu-, habería que ver se están controlando o acceso a menores de idade”.
Regulación
Torrado acusou ao goberno galego de ter avisado da regulación destes establecementos con ano e medio de antelación, actuando “como o condutor que pon as luces longas para avisar dun control da Guardia Civil, o que non se pode e non se debe”. A consecuencia foi a apertura “dun montón” deste tipo de casas de apostas e de xogo, ata sumar hoxe case 200 establecementos, “moitísimos máis que hai 4 ou 6 anos”.
Dixo que o goberno galego está a anunciar constantemente dunha Lei do Xogo “que nunca chega”, mentres “advirten ás empresas que vaian facer moito negocio agora, que despois non se sabe, nunha situación na que levamos anos, co crecemento exponencial das casas de apostas”.