O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe ao goberno galego a encetar unha “verdadeira acción exterior” positiva para Galicia. Así o dixo logo de recibir o Informe sobre Acción Exterior de Galicia de mans do presidente e o secretario xeral do ente, Alfredo García e Xoán Vázquez Mao, e do coordinador do documento, José Luis Méndez Romeu.
O responsable socialista lamentou a “deficiente posta en marcha” da axenda exterior por parte do goberno galego, que ano tras ano “finalmente queda en nada”, deixando pasar oportunidades fundamentais para os intereses de Galicia. Amosou a súa preocupación pola internacionalización do tecido económico galego, así como polo aproveitamento das “singularidades” de Galicia, tanto dende o punto de vista do Camiño de Santiago como as súas conexións coa lusofonía.
Fernández Leiceaga apuntou ao desmantelamento da oficina da Fundación Galicia – Europa como síntoma do desinterese do goberno galego por conformar un lobbi en defensa dos intereses de Galicia no exterior, así como en manter unhas cifras destinadas á cooperación internacional “irisorrias”.
Pola súa banda, o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, defendeu a proposta de abrir a cooperación exterior ao debate parlamentario para acordar unha estratexia “que transcenda os ciclos políticos”. Contrastou esta iniciativa coa estratexia internacional do goberno galego que foi “encargada a unha consultora sen falar con ninguén para presentar un proxecto precocinado, conxelado e requentado, unha acción exterior de microondas”.
O coordinador do documento, José Luis Méndez Romeu, chamou ao consenso político e institucional para defender con éxito os intereses de Galicia no exterior a través dunha estratexia “profesional”. Sinalou neste sentido a necesidade de constituír “unha verdadeira Eurorrexión”, que estea “respaldada por unha Asemblea de electos”, logo de que Alfredo García sinalara que o ente “existe como concepto, pero carece de suficiente capacidade para influír”.