

Longueira: “Os orzamentos son insuficientes para unha cidade que aporta máis do 10 % do PIB de Galicia. Unha vez máis, A Coruña volve estar discriminada”
Lage: “A Xunta reduce en 2026 á metade os orzamentos nos colexios públicos da cidade, pasando de 8 millóns a 4. Teñen moitísimas carencias e a Xunta o único que fai é afondar nese deterioro”
A deputada socialista pola Coruña no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, presentou hoxe en Zalaeta a proposta de emendas que levará o PSdeG-PSOE aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 na cidade. Estivo acompañada do voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Manuel Lage; a vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE da Coruña, María Rivas; e a secretaria de organización do PSdeG-PSOE da Coruña, Paz Villar.
A parlamentaria destacou que “os orzamentos son insuficientes para unha cidade que aporta máis do 10 % do PIB de Galicia e para unha provincia onde máis do 40 % está precisamente neste ‘interland’ que é A Coruña. Non entendemos moi ben como, unha vez máis, A Coruña volve estar discriminada”. Explicou que boa parte do orzamento para A Coruña é do CHUAC e xa estaba “pintada” o ano pasado nos orzamentos: “Este ano volven traer a mesma partida e mermada con respecto ao ano anterior”.
A deputada insistiu en que “consideramos que A Coruña queda apartada do crecemento dos orzamentos en Galicia”. Na mesma liña, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Manuel Lage, criticou que “a forma que ten de gobernar o PP na Xunta de Galicia é dándolle as costas aos motores económicos e culturais de Galicia, e este é un exemplo máis”.
A deputada puxo tamén o foco nas necesidades educativas da cidade: “Solicitamos renovar os centros públicos que levan anos sen unha renovación extensa”. O voceiro completou á deputada denunciando que “a Xunta reduce en 2026 á metade os orzamentos nos colexios públicos da cidade, pasando de 8 millóns a 4”. Explicou que na Coruña os centros educativos “teñen moitísimas carencias e o único que fai a Xunta de Galicia é afondar nese deterioro”, e advertiu que “se hai un centro escolar que está necesitado de renovar os seus equipamentos e infraestruturas, estes orzamentos reducidos á metade non o van permitir”.
Tres eidos de actuación e máis de 7 millóns en emendas para a cidade
O PSdeG da Coruña rexistrará emendas en tres ámbitos estratéxicos que suman 7.900.000 euros adicionais ás partidas incluídas pola Xunta:
Ademais, o PSdeG incorpora unha emenda adicional de 2.000.000 euros para avanzar na liberación da peaxe da AG-55, en coordinación co Concello de Arteixo.
Longueira lembrou, respecto destes 7 millóns adicionais, que o propio Feijóo anunciou en 2022 unha pasarela de 8 millóns de euros na Coruña que nunca chegou a executar.
O voceiro sinalou que “as achegas da nosa compañeira deputada son valiosas e poderían corrixir a política orzamentaria da Xunta, pero tamén sabemos que o Partido Popular fai oídos xordos permanentemente”. Así mesmo, lembrou que “o compromiso do PSdeG-PSOE coa Coruña vese nesta aportación na que se incrementarían notablemente os fondos autonómicos que necesita a cidade”.