O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe ao goberno galego que “deixen de facer teatro buscando culpables e empecen a buscar solucións” para incrementar o número de prazas de MIR especializados en Pediatría. Así o dixo no debate dunha moción para reclamarlle á Xunta que axilice os procesos de acreditación de prazas formativas e mellorar as condicións laborais, que foi vetada polo PP.
Torrado sinalou que “o problema é que vostedes non cren na pediatría pública” reducindo o número de profesionais, e por iso a Xunta “non fixo os deberes” de acreditar as prazas, o paso previo que lle permite ao goberno central autorizar a formación de novos profesionais. A consecuencia é que, como Galicia non acreditou novas prazas, quedou sen elas cando o goberno concedeu tódalas que foran solicitadas no Estado.
Sinalou que as prazas ofertadas en Galicia reducíronse de 231 en 2012 a 230 en 2018, mentres as prazas acreditadas de Medicina Familiar e Comunitaria tamén se reduciron das 117 de 2012 ás 110 de 2018.
O responsable socialista advertiu que mentres o actual goberno central “intenta buscar solucións” en Galicia “atópase cun goberno que só se preocupa de buscar escusas”. Esixiulles que “fagan os deberes, acrediten as prazas, fagan o seu traballo, indiquen onde están esas prazas, con que recursos e en que hospitais”.
Torrado acusou ao PP de “votar en contra e polo tanto vamos continuar co problema” da falla de prazas de formación para Pediatras, polo que instou a “rectificar”, pero, engadiu, “se o conselleiro non lles deixa rectificar, pactemos entre todos cambiar ao conselleiro”.
Así o dixo logo de que o PP anunciara o seu voto en contra a unha proposta que lle reclamaba á Xunta que axilice os procesos de acreditación de prazas de novo ingreso á formación especializada en pediatría, ou dotar dos recursos necesarios aos centros sanitarios e á facultade de Medicina da USC para garantir a mellor cobertura posible en todo o proceso formativo.
Tamén solicitaba a mellora de condicións laborais dos profesionais, un plan especial de contratación de especialistas en pediatría, a constitución dun grupo de traballo na Mesa Sectorial de Sanidade coa participación de expertos e colectivos profesionais, e remitirlle ao Parlamento un informe coa redistribución e planificación dos servizos de Atención Pediátrica en Galicia.