O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que permita ampliar en 60 millóns de euros anuais o Orzamento de Sanidade ata recuperar os recortes de 180 millóns que lle ten aplicado dende 2008. Así o dixo logo de criticar a sobreactuación do presidente da Xunta, ao que tildou de “Quixote”, contra o Goberno de España polos límites ao superávit impostos por Rajoy e Montoro.
O responsable socialista reclamou unha xestión “prudente e ambiciosa” para recuperar a calidade asistencial con fondos propios da Xunta logo de dez anos de recortes drásticos dos gobernos de Feijóo. Así, considera absolutamente insuficientes os 8 millóns de euros que vén de anunciar o conselleiro de Sanidade e anunciou unha ofensiva parlamentaria, a partir do próximo Pleno do Parlamento, para resolver a difícil situación da Atención Primaria logo dos recortes.
Neste sentido propúxolle ao presidente da Xunta que realice unha “autoemenda nos seus orzamentos para o ano 2019” e que “busque porque eu dígolle que é posible” reorientar os fondos necesarios para a Sanidade en base ás emendas presentadas polos socialistas no debate parlamentario das contas autonómicas.
Ao mesmo tempo acusou ao presidente da Xunta de “crear un problema onde non o había” con toda a súa campaña para atacar ao goberno central polos límites ao uso do superávit. Lembrou que aqueles límites, que impedían utilizar eses cartos a nada que non fora reducir débeda, foron impostos por Rajoy e Montoro a través da Lei de Estabilidade Orzamentaria de 2012 primeiro e despois nas sucesivas leis de orzamentos para “embridar” ás comunidades autónomas.
A norma foi flexibilizada entre 2012 e 2018 só para as entidades locais, e ás comunidades autónomas dende 208, que poderían destinar o superávit a investimento financeiramente sostible, e o único que fixo o goberno central o pasado venres foi actualizar a cláusula para o ano 2019. Explicou como conclusión que “Feijóo vai poder facer o que podía co superávit”, pero agora, iso si, “fora cortina de fume”.
Fernández Leiceaga saudou a decisión do Consello de Ministros do pasado venres e reclamoulle ao presidente da Xunta que “elimine todo vitimismo e atisbo de confrontación” artificial co goberno central para centrarse a continuación na busca de vías para recuperar ao persoal sanitario suprimido dende que chegou ao goberno galego.
Flexibilizar o superávit
Explicou que o presidente da Xunta vén de sumarse á demanda dos socialistas galegos para flexibilizar a aplicación do superávit en contra da doutrina imposta polo goberno de Rajoy e que se mantén vixente porque España réxese polos orzamentos de 2018 prorrogados. Dixo que o presidente da Xunta “vén de sumarse á demanda da oposición de que necesitamos máis recursos para a sanidade e a Atención Primaria”.
En realidade, dixo, “Feijóo hoxe carga contra o corsé financeiro imposto por Montoro que estivo defendendo durante toda esta etapa: benvido sexa”, concluíu. Ademais, sinalou, o presidente da Xunta “carga contra o mantra de Pablo Casado”, quen “está pedindolle ao goberno de Pedro Sánchez que non goberne, e Feijóo pídelle en realidade que goberne e a demolición, pouco a pouco, do castelo financeiro” imposto pola xestión económica do PP dende o Goberno de España.