Categorías: Uncategorized

Patricia Otero censura o “negacionismo” da Xunta con respecto aos avances en infraestruturas en Galicia por parte do goberno progresista de España

Pide á Xunta “a mesma lealdade institucional que predica” con respecto ao Executivo central e reivindica a “rebaixa histórica” das peaxes da AP-9 e a chegada do AVE a Galicia, malia que incide en que “hai que seguir traballando”

A voceira de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, censurou hoxe o “negacionismo” da Xunta con respecto aos avances en infraestruturas por parte do goberno progresista de España. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Infraestruturas do Parlamento, no marco dunha pregunta ao director da Axencia Galega de Infraestruturas.

“É innegable que tanto a rebaixa histórica das peaxes da AP-9 como a chegada do AVE a Galicia son avances que estabamos agardando e chegaron cun goberno progresista liderado por Pedro Sánchez para mellorar a vida de todas as galegas e galegos”, sentenciou a dirixente socialista tras pedir ao goberno galego “a mesma lealdade institucional que predican” con respecto ao goberno central cando “negan e poñen en dúbida sistematicamente” as melloras conseguidas.

“Puxeron en dúbida que chegarían no mes de xullo do ano pasado as bonificacións da AP-9, e chegaron”, incidiu a socialista quen lembrou que, no ano 2000, foi o goberno de Aznar quen prorrogou a concesión de Audasa ata 2048 e, tres anos máis tarde, privatizou a autoestrada, “cando Feijóo era conselleiro de Obras Públicas” na Xunta. “Entón Feijóo estivo caladiño e non dixo nada porque en Madrid gobernaba o PP”, subliñou.

Neste sentido, a socialista criticou que o PP reivindique agora como súa a petición de transferencia da autoestrada a Galicia cando “bloquearon o debate da transferencia ata en dúas ocasións” estando no goberno central tanto Mariano Rajoy como Ana Pastor.

En canto á chegada do AVE a Galicia, Otero censurou que a Xunta puxese en dúbida os prazos cando cos gobernos do PP en Madrid “todo eran atrancos” con respecto ao desenvolvemento desta infraestrutura que se puxo en funcionamento segundo os prazos previstos polo Ministerio de Transportes, o 21 de decembro do ano pasado.

Con todo, a responsable socialista sinalou que “hai que seguir traballando” porque malia que o tren de alta velocidade chegou a Galicia, “non o fixo a todas as cidades”.

Por último, a deputada socialista urxiu ao goberno galego a “que mude este posicionamento negacionista”, xa que “non entendemos que buscan negando os avances que chegan a Galicia”. Ante isto, incidiu, dende o PSdeG, “seguiremos traballando” para acadar melloras nas infraestruturas galegas.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Xuventudes Socialistas: “As matrículas universitarias poderán ser gratuítas no próximo curso se Rueda quere”

A organización anunciou que a próxima semana debaterase no Parlamento de Galicia a súa PNL enfocada nos “problemas reais” do…

18/04/2024 13:09

O socialismo galego distingue cos V Premios de Igualdade “Maruja Vázquez” ás futbolistas Vero Boquete e Paula Dapena

Os galardóns serán entregados por José Ramón Gómez Besteiro nun acto que se desenvolverá o próximo sábado en Santiago de…

17/04/2024 13:10

O Grupo Socialista leva ao Parlamento o “lamentable estado de abandono” da residencia de maiores de Oleiros

Silvia Longueira responsabiliza ao goberno galego da “inseguridade e insalubridade” dos usuarios do centro, que teñen que convivir con dependentes…

17/04/2024 11:14

Os socialistas galegos apoian que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo analice a implantación de Altri na Ulloa

O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares garantiulle á Plataforma Ulloa Viva o seu apoio para que a Comisión de…

16/04/2024 19:30

Besteiro esixiralle a Rueda que explique a política industrial da Xunta

O Grupo Socialista centrará o primeiro Pleno da Lexislatura na situación do proxecto de Altri, Dependencia, taxas universitarias, Memoria Democrática…

16/04/2024 13:19