Categorías: Actualidade

Patricia Iglesias denuncia que a Xunta reactiva os megaproxectos mineiros máis polémicos sen plan sectorial e de costas ao territorio

A voceira de Industria e Enerxía do Grupo Parlamentario Socialista advirte de que o goberno do PP leva dezasete anos incumprindo a obriga legal de aprobar o Plan sectorial mineiro que esixe a Lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia

O PSdeG constitúe un grupo de traballo que se reunirá o luns con alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, voceiros da oposición e responsables socialistas de medio ambiente e industria para coordinar a resposta aos anuncios da conselleira Lorenzana

Iglesias deixou claro que os socialistas non están en contra da minaría sostible e estratéxica, en liña co Regulamento europeo de materias primas críticas e co Pacto Verde, pero rexeitan o “todo vale” co que a Xunta retoma proxectos como Corcoesto, Varilongo, San Finx ou Touro-O Pino

A voceira de Industria e Enerxía do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, criticou hoxe que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciase no último pleno a reactivación de megaproxectos mineiros que foron rexeitados no seu día pola propia Xunta. Segundo trasladou a conselleira, nas próximas semanas publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde de concurso de dereitos mineiros caducados que abre a porta a proxectos como a mina de ouro de Corcoesto, a mina de wolframio de Varilongo, en Santa Comba e Coristanco, ou o proxecto de San Finx, que afecta á ría de Muros-Noia.

Iglesias quixo deixar claro que o PSdeG non está en contra da minaría. “A minaría estratéxica é necesaria, así o recoñece o Regulamento europeo de materias primas críticas, e Galicia debe contar cunha minaría sostible e verde porque é unha peza clave para a autonomía estratéxica de Europa, para a transición enerxética, para o almacenamento de enerxía e para a loita contra o cambio climático”, explicou a voceira socialista, que enmarcou esta posición no Pacto Verde Europeo.

O que rexeita o socialismo galego, advertiu, é a falta absoluta de planificación coa que opera a Xunta. Iglesias salientou que existe un eixe común entre os proxectos de renovables, as plantas de biogás e os megaproxectos mineiros: a ausencia de ordenación previa do territorio. “É unha condición previa para poder tramitar despois proxectos que teñen un impacto enorme no territorio e na vida da xente, e a Xunta saltouse ese paso”, denunciou.

A voceira lembrou ademais que o propio goberno galego modificou a Lei do solo para permitir que estes proxectos se instalen en solo rústico, e acelerou os trámites coa figura dos proxectos industriais estratéxicos e de interese autonómico, “baleirando de capacidade de decisión os concellos afectados”. “Iso é poñerlles a alfombra vermella aos promotores de megaproxectos que cambian para sempre o territorio”, resumiu.

Iglesias recordou que a Lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, pioneira no seu día, obriga a aprobar un Plan sectorial de actividades extractivas como máximo instrumento de planificación da política mineira. Dezasete anos despois, o PP segue sen cumprir esa obriga legal. “Non temos plan sectorial mineiro. O goberno galego está a incumprir a súa propia lei, e iso é moi grave”, denunciou.

Sobre os proxectos concretos, a voceira socialista mostrou a súa preocupación pola reactivación da mina de ouro de Corcoesto, rexeitada pola Xunta no ano 2013 por falta de solvencia técnica e económica do promotor. “Estamos a falar dunha explotación a ceo aberto que require o uso de cianuro para extraer o ouro e que precisa grandes balsas para os pasivos mineiros, todo iso nunha zona moi próxima ao Río Anllóns, cunha ZEPA, espazos protexidos e moi preto da Rede Natura», advertiu. As mesmas dúbidas estendeu ás minas de Varilongo, con contaminación previa documentada nos encoros da zona, San Finx e Touro-O Pino.

Iglesias resumiu a posición socialista nun marco de tres patas: sostibilidade ambiental, sostibilidade económica e técnica, e sostibilidade social. “Nós non somos como o PP, que pensa que todo vale e que se pode vender todo. Pero tampouco somos os de que aquí non se pode poñer nada. O que pedimos é planificación, rigor e equilibrio, e que as decisións se tomen de abaixo arriba, contando co territorio, coa veciñanza e cos concellos afectados», afirmou. A voceira tampouco se conforma con que parte do beneficio destas empresas, «que cotizan en bolsa e son moi potentes”, se repercuta no territorio. «O noso territorio non se debería vender», sentenciou.

Para canalizar esta resposta, Iglesias anunciou que o PSdeG vén de constituír un grupo de traballo que se reunirá de xeito periódico para fixar a posición do partido fronte a estes anuncios. A primeira reunión celebrarase o luns e contará con alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, voceiros da oposición e responsables socialistas de medio ambiente e industria. “Queremos ser propositivos, achegar propostas en positivo, estar moi vixiantes e fiscalizar dende o minuto un a actuación do goberno galego cando esa orde se publique no DOG”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

O PSdeG entrega este domingo en Ourense os VII Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez a Fademur Galicia e á investigadora Aurora Marco

O partido presentará en todos os concellos galegos unha moción para que a mestra Maruja…

04/06/2026
  • Secretaría Xeral

Besteiro a Rueda: “Ao mesmo tempo que vostede pedía eleccións para derrubar ao goberno, Pedro Sánchez traballaba para traer SAIC e emprego a Galicia”

O líder dos socialistas galegos reclámalle ao presidente da Xunta que “deixe a hipocrisía a…

03/06/2026
  • Secretaría Xeral

Besteiro esixe a Rueda que deixe de castigar aos concellos onde non goberna o PP e dote a Valdoviño do instituto que require o seu crecemento demográfico

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE pide a Rueda que levante o veto á reunión solicitada…

30/05/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia que a Xunta se nega a explicar o sistema “falaz” de cómputo de listas de espera sanitarias

Julio Torrado esíxelle ao xerente do Sergas que explique se unha espera de 9 meses…

28/05/2026
  • Actualidade

O Grupo socialista denuncia que a Xunta reduce as axudas para a contratación de mulleres de 7 a 2,5 millóns de euros

Carmen R. Dacosta lembra que as mulleres cobran de media 4.300 euros menos ao ano…

28/05/2026
  • Actualidade

O PSdeG denuncia un “fraude de lei” por parte da CSAG ao contratar persoal á marxe do establecido no convenio e na normativa

Silvia Longueira alertou de que a antiga CRTVG está utilizando unha modalidade excepcional, a contratación…

28/05/2026