Categorías: Actualidade

O PSdeG reclama mecanismos “reais” para que Galicia participe na xestión dos aeroportos e rexeita “propostas imposibles”

Carlos López Font advertiu que demandar a transferencia desa competencia é ir contra a legalidade constitucional e apostou polos instrumentos de cooperación que si contempla o ordenamento xurídico

Volveulle esixir á Xunta unha política aeroportuaria “con sentido de país e con rigor” e a constitución dunha comisión bilateral co Estado para que a comunidade participe na conectividade e a captación de rotas dos tres aeródromos galegos

O deputado socialista criticou que tanto PP como BNG se negasen a apoiar no  recente Debate do Estado da Autonomía unha política “con visión de conxunto e criterio” como están a desenvolver outras comunidades autónomas 

O deputado socialista Carlos López Font reclamou hoxe no pleno do Parlamento galego mecanismos “reais” para que Galicia poida participar de xeito efectivo na xestión aeroportuaria e rexeitou “propostas imposibles” como a iniciativa que o BNG levou á sesión. Nela, os nacionalistas demandaban a transferencia de competencias en materia de aeroportos de interese xeral á comunidade autónoma, “unha proposta imposible de cumprir coa legalidade constitucional na man e aínda máis imposible de encaixar desde o punto de vista económico”, advertiu Font.

O parlamentario do PSdeG insistiu, pola contra, apostar por instrumentos de cooperación entre administracións que si figuran no ordenamento xurídico, como son os convenios, as encomendas de xestión ou a creación de sociedades mixtas e consorcios, “que permiten unha participación autonómica real, sen alterar a titularidade estatal da competencia”.

Nese punto, lembrou que os socialistas defenderon no recente Debate do Estado da Autonomía unha resolución que instaba ao Goberno galego “a desenvolver unha política aeroportuaria con sentido de país e con rigor, solicitando unha comisión bilateral co Estado para acordar un formato novo de coparticipación formal da Xunta nos procesos de decisión”, co fin de promover as potencialidades de todo o territorio na captación de roteiros “e impulsar decisións de conectividade e accesibilidade dos tres aeroportos”. Recordou tamén que o PP votou en contra desa proposta e o BNG abstívose.

A “nefasta xestión” do Goberno de Rueda

“Non resulta doado entender a pretensión do BNG con esta proposta, pola súa clara imposibilidade legal e, sobre todo, por pretender que este goberno do PP, tan nefasto na súa xestión, puidese encargarse da xestión dos tres aeroportos galegos”, argumentou Font sobre a proposición de lei orgánica que esta mañá os nacionalistas levaron á Cámara autónoma para a súa toma en consideración.

En canto aos populares, López Font lamentou a súa desidia nesta materia. Asegurou que o que agardan os gobernos locais das tres cidades “non é un simple apoio da Xunta en materia de publicidade, cunhas cantidades absolutamente irrisorias como as anunciadas polo conselleiro de Presidencia”, senón unha política “con visión de conxunto e criterio claro” para atraer novos tráficos e impulsar os tres aeroportos, tal como están a facer xa outras comunidades autónomas.

Por outra banda, retomou a pregunta que José Ramón Gómez Besteiro lle formulou a Rueda no DEA, acerca de se pensaba que había que pechar algún aeroporto en Galicia. “Hoxe, esa mesma cuestión debería respondela o BNG, non vai ser que tamén teña unha posición de centralidade en materia de aeroportos, como xa tiña Feijoo”, dixo.

“A postura máis sensata é a que propuxemos os socialistas: política aeroportuaria con sentido de país no marco dunha comisión bilateral co Estado que nos permita participar nos procesos de decisión, que si contempla a lexislación”, remarcou.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

O PSdeG celebra en Ferrol a lingua e chama á Xunta a defendela: “Hai que apostar polo galego de verdade, e iso vese nas contas”

O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, compartiu con militantes e simpatizantes a primeira Foliada…

17/05/2026
  • Secretaría Xeral

Besteiro reclámalle a Rueda que manteña vivo o espíritu crítico de Begoña Caamaño cuns medios públicos independentes

O secretario xeral do PSdeG participou no acto da Real Academia Galega polo Día das…

17/05/2026
  • Actualidade

Besteiro: “Xa non hai escusas para que Alcoa non inicie a construción do forno de cocción de ánodos”

Asegurou, despois de que hoxe se reunise a comisión de seguimento do acordo de viabilidade…

15/05/2026
  • Actualidade

González Casares esíxelle á Xunta “un proceso claro de participación pública e diálogo” cos afectados pola planta de biogás de Soandres -A Laracha-

O europarlamentario galego mantén un encontro coa Plataforma de veciños e veciñas contrarios ao proxecto…

15/05/2026
  • Actualidade

O Goberno galego leva dous anos consecutivos desviando 100 millóns de euros dos orzamentos do Plan Galego de Investigación

Aitor Bouza acusa ao PP de facer “enxeñería fiscal” co orzamento que precisan os investigadores…

15/05/2026
  • Actualidade

O PSdeG reclama ampliar categorías profesionais na Atención Primaria, multiplicar a plantilla e modernizar un sistema “de hai 30 anos”

Julio Torrado sostén que ao titular da carteira se lle está poñendo “cara de Florentino…

15/05/2026