Categorías: Actualidade

O PSdeG propón crear un Observatorio da Morte Digna tras o aumento histórico dos testamentos vitais en Galicia

A iniciativa, rexistrada por Elena Espinosa no Parlamento galego, vincula o crecemento da demanda co impacto social de casos como o da activista viguesa Laura Fernández Abalde, integrante de DMD Galicia cuxa historia contribuíu a abrir un debate público necesario e a romper silencios arredor do final da vida

 

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para mellorar o coñecemento, o acceso e a aplicación efectiva da prestación de axuda para morrer, coa proposta de crear un Observatorio da Morte Digna en Galicia como instrumento estable de seguimento, análise e mellora dos procesos vinculados ao final da vida.

 

A iniciativa, presentada pola deputada socialista Elena Espinosa, parte dun dato que reflicte un cambio profundo na conciencia social: en 2025 rexistráronse en Galicia 6.049 documentos de instrucións previas ou testamentos vitais, máis do dobre que no ano anterior. Un incremento sen precedentes que, para o PSdeG, non pode explicarse só por factores administrativos ou demográficos.

 

Os socialistas sinalan que este crecemento está directamente relacionado coa maior visibilidade social do dereito a unha morte digna, impulsada tamén polo labor de entidades da sociedade civil e por persoas que decidiron dar a cara en primeira persoa. Nese contexto sitúan o caso da activista viguesa Laura Fernández Abalde, integrante da asociación Dereito a Morrer Dignamente – DMD Galicia, cuxa historia contribuíu a abrir un debate público necesario e a romper silencios arredor do final da vida.

 

“O que durante moito tempo foi un tema tabú pasou a ocupar un espazo central na conversa social grazas ao compromiso de persoas e colectivos que defenderon este dereito con valentía”, sinalan desde o Grupo Socialista, que considera que esa maior conciencia cidadá explica, en boa medida, o aumento dos testamentos vitais rexistrados en Galicia no último ano.

 

A proposta socialista recolle tamén as conclusións dos informes do Ministerio de Sanidade e da propia Xunta de Galicia, que coinciden en advertir de que a prestación de axuda para morrer segue a ser insuficientemente coñecida pola cidadanía, malia os avances nos tempos de resolución dos procedementos.

 

Por iso, o PSdeG aposta pola creación dun Observatorio da Morte Digna como ferramenta pública para avaliar a aplicación da lei, detectar posibles desigualdades territoriais, reforzar a formación do persoal sanitario e impulsar accións de información dirixidas á cidadanía, incluído o fomento dos documentos de instrucións previas.

 

Para Elena Espinosa, “non abonda con que un dereito exista: ten que ser coñecido, accesible e exercible en condicións de igualdade en todo o territorio”. Nesa liña, defende que Galicia dea un paso máis e asuma con responsabilidade institucional unha realidade que xa está presente na sociedade galega.

 

A deputada socialista advirte de que mirar para outro lado ou limitarse a unha aplicación mínima da lei non responde ao cambio social que se está a producir. “Cando milleiros de galegas e galegos deixan por escrito como queren ser tratados no final da súa vida, a política ten a obriga de escoitar”, sinalou.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

Espinosa pide garantir equidade real no acceso a diagnóstico e tratamento para persoas con enfermidades raras

A deputada socialista valora que a nova estratexia galega conte con dotación económica pero advirte…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta “feitos concretos, prazos verificables e compromisos reais” para a reforma integral do CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense

Carmen R. Dacosta sinala que Educación “non está á altura” ao negarse a tomar medidas…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista critica que o PP use celebracións coma o Ano Castelao para “lavar o pasado”

Silvia Longueira, sobre a “desideoloxización a través do tempo” da figura do político e artista…

12/02/2026
  • Secretaría Xeral

O PSdeG impulsará unha declaración institucional para apoiar que só os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro sexan considerados economía social

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en valor nunha reunión con…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista responsabiliza á Xunta do derrubamento de Monte Neme porque “non fixo absolutamente nada” dende o anterior accidente hai 12 anos

Patricia Iglesias esíxelle á conselleira de Industria que asuma as consecuencias da súa “inacción prolongada”…

11/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia o abandono dos dous colexios de Zas: “Hai que levar chuvasqueiro e casco”

Patricia Iglesias reclamoulle á Xunta que execute as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso…

11/02/2026