Categorías: Actualidade

O PSdeG leva ao Parlamento a voz dos case 400.000 galegos e galegas atrapados nas listas de espera sanitarias pola parálise da Consellería

A deputada Elena Espinosa denuncia que os tempos de espera son os peores da última década e que, seis anos despois, o Sergas segue sen recuperar os niveis prepandemia

 

O Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas co obxectivo de esixir á Xunta medidas concretas e avaliables que permitan frear o crecemento das listas de espera sanitarias. A deputada Elena Espinosa, promotora das propostas, advertiu de que “os propios datos oficiais do Sergas confirman o que moitas persoas levan tempo denunciando: as esperas seguen aumentando e a Consellería de Sanidade continúa sen ofrecer respostas eficaces”.

 

Segundo o último informe feito público polo Sergas, a 30 de decembro de 2025 había 378.749 persoas agardando unha proba diagnóstica, unha consulta especializada ou unha intervención cirúrxica. Son 18.299 máis que apenas seis meses antes. En concreto, 123.947 persoas esperan por unha proba diagnóstica, 205.248 por unha consulta con especialista e 49.554 por unha cirurxía. Todos os indicadores, subliñou Espinosa, apuntan na mesma dirección: a situación empeora.

 

Os tempos de espera, de feito, sitúanse nos niveis máis altos da última década. A demora media para unha proba diagnóstica alcanzou os 97,8 días, 10,5 máis que en 2024. No caso das intervencións cirúrxicas, a espera media sitúase en 72,8 días, 5,7 máis que o ano anterior. As consultas con especialista chegan aos 62,6 días, 5,3 días máis. A deputada lembra ademais que en 2019, antes da pandemia, a espera media para unha cirurxía era de 54 días e para consulta era de 41,5. Seis anos despois, a sanidade galega segue sen recuperar aqueles niveis e hoxe está practicamente 20 días por riba.

 

Espinosa criticou que o conselleiro de Sanidade sempre busque escusas para  non asumir responsabilidades. “Agora intenta atribuír a situación ás folgas de decembro, pero o problema é moito máis profundo. Falta persoal, os contratos continúan sendo precarios e a carga de traballo resulta insostible. Cando os propios profesionais rexeitan facer máis peonadas porque están exhaustos, o problema xa non pode esconderse detrás de ningunha explicación puntual”.

 

Ademáis, a deputada sinala que é especialmente preocupante o que está a ocorrer coas cirurxías con prioridade 1, as máis urxentes. A espera media incrementouse ata os 20,2 días, 3,1 máis que no último balance.

 

Os datos tamén poñen de manifesto diferenzas territoriais moi significativas entre áreas sanitarias. O Hospital Clínico de Santiago presenta a maior espera media para cirurxía, con 95,1 días, 22 por riba da media galega. Nas probas diagnósticas, as diferenzas chegan a ser abismais: unha paciente do Hospital de Santiago pode agardar 176 días por unha ecografía de mama, mentres que na Coruña o prazo é de 6,3 días. Para unha endoscopia dixestiva, a espera chega aos 195 días na Coruña fronte aos 43 de Ourense. Un estudo cardiolóxico supera os 264 días de media e un de alerxias alcanza os 229,6.

 

“Detrás destas cifras hai persoas reais que pasan meses enteiros agardando por un diagnóstico ou unha intervención”, sinalou Espinosa. “E o máis grave é que esa espera cambia radicalmente segundo o hospital que che corresponda. Iso non é un sistema sanitario equitativo: é unha auténtica lotería para os pacientes galegos”.

 

A deputada socialista alertou ademais dun dato especialmente revelador: a propia Xunta recoñece nos seus documentos internos que a situación non mellorará a curto prazo. Os Acordos de Xestión asinados en febreiro de 2026 prevén que en catro das sete áreas sanitarias a espera media para cirurxía a finais deste ano continúe por riba da que había a finais de 2024. No caso da área de Lugo, incluso se contempla que a demora media para operar sexa unha semana superior á rexistrada a finais de 2025.

 

“Cando a propia Consellería admite que as listas de espera non van mellorar, o que está facendo é recoñecer que non ten un plan para resolvelo”, afirmou Espinosa. “E iso é o que máis preocupa: a sensación de rendición, de parálise,  por parte de quen debería estar liderando as solucións”.

 

A través desta batería de iniciativas, o PSdeG reclama que a Consellería de Sanidade explique que medidas concretas vai adoptar para reducir as listas de espera nas tres áreas clave do sistema: consultas, probas diagnósticas e cirurxías. Os socialistas tamén instan á Xunta a fixar obxectivos claros, medibles e avaliables que permitan reverter a tendencia actual.

 

Espinosa insistiu en que o problema non reside na calidade da atención sanitaria unha vez se accede ao sistema. “O verdadeiro problema é chegar a entrar”, resumiu. “E mentres a Consellería non presente un plan serio para garantir ese acceso, nós seguiremos levando ao Parlamento a voz dos case 400.000 galegos e galegas que continúan agardando”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

Torrado carga contra o plan de Rueda para as baixas: “En vez de preocuparse polas causas, ataca a traballadores e sanitarios”

Criticou o clasismo do PP e advertiu que un dos sectores con máis incapacidades laborais…

22/04/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia que “a saúde mental en Galicia é un dereito privatizado” reservado “a quen pode pagarse unha consulta”

Julio Torrado critica que o PP acepta esperas de un ano para Psicoloxía “porque non…

22/04/2026
  • Actualidade

Dacosta: “Brigadas de 1.200 euros e tres meses de contrato mentres 200 millóns de prevención quedan sen executar, así funciona o PP”

A deputada denuncia que as franxas secundarias comprometidas no convenio de 2025 quedaron sen limpar.…

22/04/2026
  • Actualidade

O PSdeG denuncia a “censura franquista” da Xunta a un encontro de educadores por falar do xenocidio de Gaza

Aitor Bouza critica que o Goberno galego alegue unha pretendida falta de neutralidade ideolóxica para…

22/04/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia “uso discrecional e partidista” do canon da auga por parte do PP e esixe reverter a metade da recadación nos concellos de orixe

Lara Méndez denuncia que a Xunta utiliza aos Concellos como “cobradores do frac” para recadar…

21/04/2026
  • Actualidade

Lara Méndez critica a convocatoria dunha praza pública da Xunta que “parece feita á medida” da concelleira tránsfuga de Lugo, e que de demostrarse “non é política: é corrupción”

Cualifica de “indecencia” o “mercadeo en directo” por parte do PP para impulsar unha moción…

21/04/2026