Categorías: Actualidade

O PSdeG leva ao 8M a loita contra os bulos antifeministas: “A desinformación tamén é unha forma de violencia contra as mulleres”

A campaña de redes sociais difundirá vídeos creados con intelixencia artificial que reproducen mensaxes reais que circulan nas redes para evidenciar como se manipula o discurso sobre igualdade

O secretario xeral dos e das socialistas galegos e a secretaria de Iguladade, Natalia González, participarán o domingo na manifestación que se celebra en Vigo, pero haberá representación do PSdeG en outras vilas

O PSdeG presentou hoxe a campaña que difundirá nas redes sociais con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, unha iniciativa que este ano pon o foco nun fenómeno que medra con forza no espazo dixital: a desinformación, os bulos e os discursos antifeministas que circulan nas redes sociais e que buscan desacreditar o feminismo e cuestionar dereitos conquistados ao longo de décadas.

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, explicou que a campaña nace da constatación de que cada vez é máis frecuente atopar nas redes sociais mensaxes que ridiculizan o feminismo, difunden información falsa ou intentan instalar a idea de que a igualdade xa está conseguida.

“Se unha pasa un pouco de tempo nas redes comproba rapidamente que aparecen comentarios que banalizan a violencia machista, que atacan o feminismo ou que cuestionan dereitos básicos das mulleres. Non é algo puntual nin inocente: é unha estratexia que busca erosionar avances que custaron décadas conseguir”, sinalou.

Por iso, este ano os socialistas galegos decidiron apostar por un formato diferente para a súa campaña do 8M. A iniciativa utiliza vídeos creados con intelixencia artificial nos que aparecen representantes socialistas reproducindo frases e comentarios que circulan a diario nas redes sociais.

Segundo explicou Méndez, non se trata de mensaxes inventadas nin exageradas, senón de comentarios reais que forman parte do ruído constante que circula no espazo dixital. O obxectivo é mostrar ata que punto hoxe resulta fácil manipular contidos e facer pasar por reais discursos que buscan desacreditar a igualdade.

A secretaria de Igualdade da Executiva do PSdeG, Natalia González, advertiu de que a desinformación nas redes non é un simple debate en internet, senón un problema que xa está a ter consecuencias moi reais.

Neste sentido, lembrou que o 99% das vítimas de contidos sexuais falsos creados con intelixencia artificial son mulleres, un dato que evidencia cara a quen se dirixen moitas destas prácticas.

González tamén alertou do impacto que estes discursos están a ter entre a xente máis nova. Segundo o último Barómetro de Xuventude e Xénero, dous de cada tres mozos adolescentes din rexeitar o feminismo, un dato que, segundo sinalou, debería facer reflexionar sobre o efecto que poden ter os contidos que circulan nas redes sociais.

“Se unha parte da mocidade está medrando rodeada de mensaxes que distorsionan completamente o que significa a igualdade, temos un problema serio como sociedade”, advertiu.

Pola súa parte, a deputada Paloma Castro subliñou que fronte a esta realidade non abonda con sinalar o problema, senón que tamén é necesario actuar con decisión desde as institucións.

Neste sentido, lembrou que o Parlamento galego aprobou hai dous anos implantar educación afectivo-sexual nas aulas, unha proposta impulsada polo PSdeG, e reclamou á Xunta que cumpra ese compromiso.

“Educar en igualdade tamén significa dar ferramentas á mocidade para identificar os bulos, para entender as relacións desde o respecto e para non caer nos discursos que trivializan a violencia ou normalizan a desigualdade”, sinalou.

A campaña remata cunha mensaxe política clara por parte dos socialistas galegos: fronte aos discursos que cuestionan a igualdade e fronte á ofensiva antifeminista alentada pola ultradereita, o feminismo non vai dar nin un paso atrás.

Para rematar, Lara Méndez anunciou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a secretaria de Igualdade da Executiva socialista, Natalia González,  participarán o domingo na manifestación convocada en Vigo con motivo do 8M, mentres que outros cargos e responsables orgánicos e institucionais do partido se repartirán polo territorio para participar nas mobilizacións convocadas en diferentes cidades e vilas de Galicia.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

Torrado carga contra o plan de Rueda para as baixas: “En vez de preocuparse polas causas, ataca a traballadores e sanitarios”

Criticou o clasismo do PP e advertiu que un dos sectores con máis incapacidades laborais…

22/04/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia que “a saúde mental en Galicia é un dereito privatizado” reservado “a quen pode pagarse unha consulta”

Julio Torrado critica que o PP acepta esperas de un ano para Psicoloxía “porque non…

22/04/2026
  • Actualidade

Dacosta: “Brigadas de 1.200 euros e tres meses de contrato mentres 200 millóns de prevención quedan sen executar, así funciona o PP”

A deputada denuncia que as franxas secundarias comprometidas no convenio de 2025 quedaron sen limpar.…

22/04/2026
  • Actualidade

O PSdeG denuncia a “censura franquista” da Xunta a un encontro de educadores por falar do xenocidio de Gaza

Aitor Bouza critica que o Goberno galego alegue unha pretendida falta de neutralidade ideolóxica para…

22/04/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia “uso discrecional e partidista” do canon da auga por parte do PP e esixe reverter a metade da recadación nos concellos de orixe

Lara Méndez denuncia que a Xunta utiliza aos Concellos como “cobradores do frac” para recadar…

21/04/2026
  • Actualidade

Lara Méndez critica a convocatoria dunha praza pública da Xunta que “parece feita á medida” da concelleira tránsfuga de Lugo, e que de demostrarse “non é política: é corrupción”

Cualifica de “indecencia” o “mercadeo en directo” por parte do PP para impulsar unha moción…

21/04/2026