Categorías: Actualidade

O PP rexeita unha proposta socialista a prol de que o porto de Vigo poida acadar a categoría de nodal dentro da Rede Transeuropea de Transportes

O deputado do PSdeG Luis Piña criticou na Comisión Mixta para a Unión Europea que os populares, en lugar de chegar a un acordo, preferiron empregar “como ariete contra o Goberno” unha iniciativa que non é máis que “pólvora mollada”

O Grupo Socialista propuxo a creación dunha comisión de traballo integrada polo Ministerio de Transportes, a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria para trasladarlle á Comisión Europea unha proposta para que se teñan en conta criterios coma o valor das mercadorías, o volume de produtos de alimentación ou a capacidade de exportación

O deputado do PSdeG Luis Piña criticou hoxe na Comisión Mixta para a Unión Europea que o Partido Popular tratase de empregar como “ariete contra o Goberno” unha proposición non de lei que presuntamente tiña como obxectivo que o porto de Vigo acade a consideración de infraestrutura nodal dentro da Rede Transeuropea de Transportes. Porén, o parlamentario socialista asegurou que a iniciativa quedou en “pólvora mollada”.

Piña lamentou que os populares rexeitasen incluír no texto a creación dunha comisión de traballo integrada polo Ministerio de Transportes, a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria. O seu obxectivo sería achegarlle á Comisión Europea unha proposta para que na seguinte declaración de portos nodais “se teñan en conta cuestións como o valor da mercadoría, o valor engadido do que se carga e descarga nos peiraos, a cantidade de produtos de alimentación e a súa capacidade de exportación”.

Ao opoñerse a esa medida, que os socialistas formularon a través dunha emenda, o que fixo o Partido Popular, segundo advertiu o parlamentario do PSdeG, foi “demostrar que non ten interese real en que o porto de Vigo sexa un porto nodal”. E iso, pese á importancia da dársena viguesa “para a economía da cidade e de toda Galicia”, polo seu papel no movemento de produtos de automoción e de peixe, tanto fresco coma conxelado, entre outros.

Luis Piña defendeu que aínda que a consideración de portos nodais se decide fundamentalmente por criterios de cantidade de carga, “deben introducirse novos parámetros” e ter en conta que Vigo se caracteriza por ser un porto a través do que se moven mercadorías “de altísimo valor” e que mantén a cadea de valor engadido “de toda a economía do sur de Galicia”.

Recordou tamén que a rede transeuropea se definiu nun regulamento do 2013, “baixo a presidencia de Mariano Rajoy”, e que, ademais, nin Feijoo nin Rueda lle trasladaron nunca ao Goberno de España a necesidade de que Vigo se convertese en porto nodal, “como tampouco o trasladou o Consello do Porto”. Tal como precisou, é a Xunta a que designa ao presidente da Autoridade Portuaria e á parte maioritaria do seu consello de administración, polo que ten “unha enorme capacidade de decisión”. Pola contra, o Goberno si “está na liña de traballar na modificación dos criterios que excluíron ao porto de Vigo como nodal e xa logrou introducir á cidade como nodo urbano”. Outro aspecto que sinalou Piña é a necesidade de mellorar as comunicacións, por exemplo executando o proxecto para prolongar a A-52 ata Vigo en túnel e adaptando a terminal ferroviaria de Guixar ás novas necesidades loxísticas.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

COMUNICADO PSdeG

En coordinación coa dirección federal do PSOE e ante a gravidade das acusacións por presunto…

10/12/2025
  • Actualidade

Lara Méndez sinala que as informacións sobre o presunto acoso sexual en Lugo producen “tristeza” e “repugnancia” e anuncia un pronunciamento contundente do PSdeG

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, comezou a intervención…

10/12/2025
  • Secretaría Xeral

O PSdeG reúne apoios de federacións e agrupacións do PSOE e da UGT de toda España para que o Concello de Ferrol coloque a placa de Pablo Iglesias no lugar que merece

Os secretarios xerais galego e ferrolán participarán mañá en Madrid nos actos con motivo do…

08/12/2025
  • Actualidade

A Xunta volve incumprir a obriga legal de aprobar o Pladiga antes do 31 de outubro

Carmen R. Dacosta lamenta que o goberno galego “segue sen ter aprendido nada” da vaga…

08/12/2025
  • Actualidade

Patricia Iglesias: “Galicia volve liderar o retroceso industrial en España pola incompetencia da Xunta e a ausencia dunha estratexia real”

Desde o Grupo Socialista reclámase un cambio radical de enfoque: Galicia debe integrar a universidade,…

07/12/2025
  • Actualidade

O PSdeG reclama a Rueda explicacións polo desequilibrio na Policía Autonómica: 20 axentes para a súa escolta e só 13 para vítimas de violencia machista

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reitera a petición de comparecencia urxente…

05/12/2025