Paloma Castro acusa ao PP de incumprir a Lei de Memoria ao negarse a apoiar no Parlamento unha proposta para constituír o Consello da Memoria Democrática de Galicia
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que o PP teña abrazado hoxe no Parlamento as teses do negacionismo franquista ao negar que a Illa de San Simón fora un campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943. Castro lamentou as afirmacións do deputado do PP Ferro Iglesias, que fixo estas afirmacións no debate dunha iniciativa socialista para reclamar a constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia.
A responsable socialista acusou ao PP de actuar tamén en Galicia como “cómplice necesario da ultradereita” no seu “ataque indiscriminado contra os valores democráticos e á convivencia política”, chegando a situarse en contra dunha verdade histórica, como é o uso da Illa de San Simón como campo de concentración polo franquismo.
Criticou a interpretación parcial, sesgada e selectiva da historia por parte dos deputados e deputadas do PP, que logo de que a vicepresidenta do Parlamento pedira no Pleno no pasado mes de decembro a retirada da alusión a Franco como ditador por parte da socialista Lara Méndez, hoxe negan a represión franquista. Criticou as “continuas incongruencias e inexactitudes” deliberadas que os levaron a negar que houbera fusilamentos no enclave de San Simón.
A intervención tivo lugar logo da alusión de Castro ao anuncio por parte do goberno central da declaración da Illa de San Simón e o Pazo de Meirás como Lugares de Memoria Democrática. Explicou que a Illa de San Simón constitúe un “lugar de necesario recoñecemento para a reparación da memoria das persoas -e as súas familias- encerradas inxustamente no enclave, no que foron sometidas a tortura e trato inhumano”.
Aludiu así ao seu uso como campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943 mentres sinalou que o Pazo de Meirás “representa a expropiación a un pobo e o autoritarismo, onde se tomaron decisións durante as temporadas nas que residía alí o ditador” que, logo da súa apropiación a través dunha colecta forzosa en 1938, decidiu fixar nel a súa residencia veraniega.
Paloma Castro lembrou que o Estado recuperou a propiedade do inmoble no ano 2020, logo de anos de loita veciñal e do movemento memorialista e co impulso dos gobernos dirixidos por presidentes socialistas.
Iniciativa socialista
Castro fixo esta intervención durante o debate dunha proposición non de Lei na primeira Comisión do ano no Parlamento para pedirlle á Xunta a creación do Consello da Memoria Democrática de Galicia, seguindo a Lei de Memoria aprobada en outubro de 2022, e que foi rexeitado polo PP.
Castro acusou ao PP galego de boicotear o cumprimento da Lei e deixar a Galicia á marxe das recomendacións do Consello de Europa para fomentar o coñecemento das etapas democráticas da historia e manter a memoria das vítimas do golpe militar, a guerra civil e a ditadura franquista. Lamentou que sexa precisamente o partido do goberno o que “está a impedir o consenso dos partidos que defendemos vivir en liberdade e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas”.
A responsable socialista acusou ao PP de “alimentar” á ultradereita que “ao seu paso arrasa tódolos avances acadados en democracia, que impón a súa moral e non respecta ao diferente”, e advertiu do risco certo de que no proceso “sexan devorados por ela”. Considera “imprescindible” que os poderes públicos, a través das administracións estatal, autonómica e local “leven a cabo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e o fomento da memoria democrática”.
Paloma Castro explicou que o Consello da Memoria terá a función de garantir a participación dos axentes sociais nas políticas de recuperación da memoria e apoio aos descendentes das vítimas, propoñendo medidas de axuda e apoio ás entidades implicadas. Tamén poderá emitir un informe sobre propostas de inscrición no Inventario de Lugares de Memoria Democrática, así como informar das solicitudes para a localización e exhumación de vítimas e a creación dun censo de vítimas.
Criticou a “incoherencia” do PP ao opoñerse á creación deste órgano a nivel autonómico cando concellos como Pontedeume, Narón, A Coruña, Neda ou Ferrol, algún deles presidido por este mesmo partido, están a constituír os consellos de memoria recoñecidos pola Lei. Instou a constituír este Consello como un órgano “colexiado, permanente, de participación e de carácter técnico e consultivo, con representación plural adscrito á Consellería da Presidencia”.
Julio Abalde reclámalle a Educación que dea conta da aplicación do protocolo fronte ao acoso…
Silvia Longueira puntualiza que “cando a realidade non lles da a razón encargan a unha…
Obdulia Taboadela censurou no Congreso “o boicot á nosa lingua” por parte dos populares mentres…
A deputada socialista Silvia Longueira presentou hoxe unha pregunta urxente no Parlamento de Galicia para…
Patricia Iglesias alerta da “situación crítica” no centro provocada polos “recortes en educación” aplicados polo…
Paloma Castro sinala que en toda a provincia só hai 56 prazas e lembra que…