Carlos López Font cualifica de “irresponsabilidade monumental” o rexeitamento do goberno galego aos fondos estatais cun “NON ideolóxico imposto por Feijóo dende Madrid”
Alerta de que en 2024 só executaron o 30 por cento dos fondos para acceso á vivenda, e no que vai de 2025 só levan o 5 por cento por parte dun goberno que en 15 anos só puxo en marcha 20 vivendas públicas
O parlamentario socialista Carlos López Font esixiulle hoxe ao goberno galego que “deixe de usar a vivenda como campo de batalla política” e acepte os 380 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda para Galicia. López Font presentou unha pregunta na Comisión de Obras Públicas na que criticou a “falta de vontade política” do PP no goberno galego para impulsar a vivenda pública
O responsable socialista cualificou de “irresponsabilidade monumental” que o PP rexeite estas partidas por un “NON ideolóxico imposto por Feijóo dende Madrid”. Explicou que as partidas supoñen a maior aposta pola vivenda pública en 40 anos, multiplicando por 2,5 o investimento anterior e que permitirían construír máis de 4.000 vivendas públicas protexidas en Galicia.
Subliñou que “hai recursos, hai proxectos e hai vontade política por parte do Goberno de España, o que falta é valentía por parte da Xunta”, que non cre na vivenda protexida e da “a diferenza entre quen entende a vivenda como un negocio e quen a entende como un dereito”.
Explicou que no ano 2024 deixaron sen executar 42 millóns de euros destinados a facilitar o acceso á vivenda e só mobilizaron o 30 por cento dos fondos previstos, e no que vai de 2025 tan só executaron o 5 por cento do programa de acceso á vivenda. Ademais, explicou que en 15 anos só puxeron en marcha 20 vivendas públicas fronte ás 7.200 vivendas protexidas construídas só entre 2005 e 2009 polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño.
López Font advertiu que “cada euro non executado representa vivendas que non se construíron, alugueiros que non se axudaron e familias que quedaron sen alternativa digna”, ademais de que “compromete a credibilidade institucional da Xunta ante a cidadanía” que “non soporta máis promesas baleiras nin expectativas frustradas”, senón que “esixe acción real e resultados visibles”.
O parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego que acepte as partidas procedentes do Estado para vivenda pública e que “as execute con eficacia e transparencia, garantindo que cada euro se traduza en vivenda pública real”.
O líder socialista levou ao Parlamento a voz das 22.700 persoas sen vivenda pública, das…
O líder socialista criticou que Alfonso Rueda “deixou de exercer como presidente de Galicia para…
Lara Méndez considera que as iniciativas do goberno galego son “insuficientes” para chegar ao obxectivo…
Carmen R. Dacosta acusa á Xunta de ocultar ata onte os datos que confirman o…
A vivenda foi un asunto prioritario nas reunións de Besteiro na Comisión e no Parlamento…
Paloma Castro leva ao Parlamento a reclamación do deporte galego para revisar o protocolo que…