Categorías: Actualidade

O Grupo Socialista esíxelle a Medio Rural que levante o “bloqueo político” á nova Lei contra os incendios forestais “antes de que sexa demasiado tarde”

Carmen R. Dacosta sinala que a política contra os incendios “non se corrixe con cambios internos de última hora nin con ceses cosméticos”

 

Esixe “planificación, liderado político e asunción de responsabilidades” por parte de “quen dirixe a Consellería e quen a mantén sen esixir resultados”

 

A portavoz de Política Forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á conselleira de Medio Rural que levante o “bloqueo político” que mantén sobre a nova Lei contra os Incendios Forestais de Galicia “antes de que sexa demasiado tarde”. Dacosta criticou o voto en contra do PP á proposta que presentou hoxe na Comisión de Agricultura para desbloquear esta norma, que leva coa tramitación paralizada dende 2023.

 

Explicou que esta Lei, incluída entre as propostas da Comisión de Estudo da Política Forestal do Parlamento aprobadas en 2018, foi anunciada por Feijóo en 2021, pero malia que iniciou a tramitación formalmente aquel mesmo ano, dende que pechou o trámite de participación pública en 2023 continúa “pendente de aprobación, sen calendario e sen explicacións convincentes”. Subliñou que “non estamos ante un atraso administrativo, senón ante un bloqueo político”.

 

Advirte neste sentido que non só están a incumprir o mandato parlamentario, que incluía a necesidade dun marco legal integral en materia de prevención e extinción de incendios, senón o propio Plan Forestal de Galicia 2021 – 2040, que foi aprobado cos votos do PP e inclúe precisamente a Lei como un dos seus eixos estratéxicos.

 

A responsable socialista lamenta que logo de 8 anos Galicia continúa “sen a Lei anunciada, sen a planificación prometida e sen rendición de contas” logo de vivir o pasado verán a peor vaga de lumes da historia”. Criticou que sigan freando unha Lei “necesaria, coñecida e anunciada” porque “prefiren seguir instalados na propaganda antes que no cumprimento”.

 

Reacción tardía

 

Dacosta criticou a “falta de planificación, desorde e improvisación” por parte do goberno galego, que só amosou unha reacción política “cando o dano xa estaba feito”, presentando ceses tardíos dentro do departamento de Medio Rural que o único que demostran é a “confirmación do fracaso da xestión”.

 

Engadiu que “as políticas públicas estruturais non se corrixen con cambios internos de última hora nin con ceses cosméticos, senón con planificación, con liderado político e asunción de responsabilidades, empezando por quen dirixe a Consellería e por quen a mantén sen esixirlle resultados”.

 

A responsable socialista reclamou que comecen por desbloquear a tramitación da Lei para presentalo no Parlamento e afrontar unha tramitación transparente e participativa, seguindo un calendario vinculante e garantindo un orzamento suficiente e estable, ademais de que sexa coherente co Plan Forestal.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

Espinosa pide garantir equidade real no acceso a diagnóstico e tratamento para persoas con enfermidades raras

A deputada socialista valora que a nova estratexia galega conte con dotación económica pero advirte…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta “feitos concretos, prazos verificables e compromisos reais” para a reforma integral do CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense

Carmen R. Dacosta sinala que Educación “non está á altura” ao negarse a tomar medidas…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista critica que o PP use celebracións coma o Ano Castelao para “lavar o pasado”

Silvia Longueira, sobre a “desideoloxización a través do tempo” da figura do político e artista…

12/02/2026
  • Secretaría Xeral

O PSdeG impulsará unha declaración institucional para apoiar que só os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro sexan considerados economía social

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en valor nunha reunión con…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista responsabiliza á Xunta do derrubamento de Monte Neme porque “non fixo absolutamente nada” dende o anterior accidente hai 12 anos

Patricia Iglesias esíxelle á conselleira de Industria que asuma as consecuencias da súa “inacción prolongada”…

11/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia o abandono dos dous colexios de Zas: “Hai que levar chuvasqueiro e casco”

Patricia Iglesias reclamoulle á Xunta que execute as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso…

11/02/2026