Carlos López Font acusa ao goberno galego de “preparar un mapa de usos lucrativos” na costa reducindo a protección ambiental
Sinala que o caso do chalé ilegal da parella de Feijóo é a mostra do modelo de litoral do PP “permeable á presión privada, permisivo co abuso, e afastado dos estándares ambientais e legais
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, alertou hoxe de que o PP está a utilizar a competencia da xestión do Litoral transferida a Galicia para “abrir a porta a usos impropios e intereses económicos e reducir os estándares ambientais”. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Medio Ambiente no Pleno do Parlamento, á que acusou de empregar a nova Lei do Litoral para “preparar un mapa de usos lucrativos” na costa.
Explicou que o Catálogo de bens de valor cultural no litoral elaborado pola Xunta, no canto de protexer o patrimonio costeiro agocha un “catálogo” de 812 bens que poden ser reconvertidos para negocios, e por iso nun só mes concederon 127 títulos, moitos deles “para chiringuitos e eventos”. Criticou que en lugar de reforzar a conservación e apostar por un modelo sostible, a Xunta “optou por xerar incerteza normativa, debilitando o control e abrindo a porta a maior presión urbanística”.
López Font sinalou o caso do chalé da parella de Feijóo en Moaña, que conta cunha autorización que foi declarada ilegal polo TSXG, como mostra do modelo de litoral do PP, “permeable á presión privada, permisivo co abuso, e afastado dos estándares ambientais e legais” que deben protexer un espazo sensible.
Dixo que a conselleira ten “cero credibilidade ambiental” cando non acude aos cumios climáticos, defende os supostos “chiringuitos ecosostibles” e “pon en risco o equilibro ambiental” do litoral a través da Lei de Costas. Lembrou ademais os “malos precedentes” por parte dun PP que modificou a Lei de Ordenación Urbanística para “legalizar” construcións, ou modificou a Lei de Costas do Estado baixo o goberno de M.Rajoy para ampliar a prórroga a Ence ata o ano 2073.
O responsable socialista defendeu a transferencia da xestión do litoral pero para protexer os recursos ambientais de Galicia e non para abrir oportunidades á depredación da costa, porque “non se trata de ter máis competencias, senón de saber utilizalas ben”. Reclamou “máis autogoberno, pero ben exercido, dende o diálogo e non dende a unilateralidade e a confrontación partidista”.
Fronte á “opacidade, falta de planificación e ausencia de diálogo cos sectores implicados, reivindicou un modelo de litoral baseado na protección ambiental real, o desenvolvemento sostible e a gobernanza participativa. O parlamentario socialista rematou sinalando neste sentido que “as galegas e os galegos merecen un litoral protexido, unha economía sostible e unha política climática seria”.
O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, compartiu con militantes e simpatizantes a primeira Foliada…
O secretario xeral do PSdeG participou no acto da Real Academia Galega polo Día das…
Asegurou, despois de que hoxe se reunise a comisión de seguimento do acordo de viabilidade…
O europarlamentario galego mantén un encontro coa Plataforma de veciños e veciñas contrarios ao proxecto…
Aitor Bouza acusa ao PP de facer “enxeñería fiscal” co orzamento que precisan os investigadores…
Julio Torrado sostén que ao titular da carteira se lle está poñendo “cara de Florentino…