Categorías: Actualidade Secretaría Xeral

Besteiro advirte de que o PSdeG defenderá “por todas as vías” aos concellos se Rueda non cumpre co seu financiamento

O secretario xeral do PSdeG explicou que este abandono institucional que practica a Xunta ten unha tradución económica moi concreta: máis de 700 millóns de euros anuais que os concellos están asumindo por competencias impropias impostas

 

Sobre o novo modelo de financiamento autonómico, Besteiro subliñou que a proposta do Goberno de España “non é nin un concerto nin un cupo” e situou tanto ao PP como ao BNG “fóra de xogo” neste debate. No caso do Partido Popular, por non ter ningún modelo alternativo e no caso do BNG, por defender un concerto económico que cualificou de “lesivo para Galicia”

 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe de que o socialismo galego defenderá “por todas as vías, tamén as xudiciais” os dereitos dos concellos se a Xunta de Galicia continúa incumprindo a súa obriga de financialos mentres lles impón novas competencias sen recursos. Besteiro cualificou a situación  de “abandono institucional” que está a poñer en risco a viabilidade económica das administracións locais e a prestación de servizos esenciais á cidadanía.

 

Na rolda de prensa celebrada tralo Comité Nacional do PSdeG do sábado, Besteiro lembrou que o máximo órgano do partido entre congresos aprobou por aclamación unha resolución para encabezar en Galicia a defensa dun financiamento xusto para os concellos, fronte ao traspaso constante de competencias por parte do Goberno galego “sen negociación, sen medios materiais nin persoais e sen un só euro para financialas”.

 

Segundo explicou, este abandono institucional ten unha tradución económica moi concreta: máis de 700 millóns de euros anuais que os concellos están asumindo por competencias impropias impostas pola Xunta, segundo estimacións da Fegamp. “Mentres se afoga economicamente aos concellos, o PP rexeita sistematicamente máis recursos para Galicia”, denunciou, lembrando o veto á condonación de 4.010 millóns de euros da débeda autonómica, aos fondos estatais para vivenda e escolas infantís e, agora, á proposta dun novo modelo de financiamento autonómico que achegaría preto de 600 millóns de euros adicionais, ademais do reforzo do Fondo de Compensación Interterritorial.

 

Besteiro subliñou que a proposta do Goberno de España “non é nin un concerto nin un cupo” e situou tanto ao PP como ao BNG “fóra de xogo” neste debate. No caso do Partido Popular, por non ter ningún modelo alternativo e admitir que non o presentará ata dentro dun ano, “o que é gravísimo”; no caso do BNG, por defender un concerto económico que cualificou de “lesivo para Galicia” ao romper os mecanismos de solidariedade entre territorios. “Quen goberna Galicia non pode dicir que non ten posición sobre como se financian os servizos públicos”, advertiu.

 

O líder socialista puxo o foco de maneira especial no Servizo de Axuda no Fogar, que definiu como “o mellor exemplo do abandono institucional da Xunta”. Lembrou que o SAF atende en Galicia a máis de 25.000 persoas, maioritariamente maiores e dependentes, e que é un piar básico do sistema de dependencia. A competencia, recalcou, é autonómica, pero a Xunta non está asumindo o custo real do servizo, que xa supera os 21 euros por hora, mentres a súa achega apenas acada os cinco euros. A diferenza, advertiu, están a pagala os concellos cos seus propios orzamentos, chegando nalgúns casos a destinar ata o 30 % do gasto municipal a manter este servizo.

 

“As consecuencias xa se están vendo, sobre todo nos concellos pequenos e rurais, cunha poboación moi envellecida, onde o custo de prestar o SAF é maior e os recursos son menores”, sinalou Besteiro, que alertou de dificultades reais para cumprir coas horas esixidas e do risco directo para a atención ás persoas. Neste contexto, anunciou que o PSdeG apoiará aos concellos que decidan reclamar esta situación ante a Xustiza, ao entender que o marco normativo é claro: quen ten a competencia debe poñer os recursos.

 

Finalmente pelou á lealdade institucional, á equidade territorial e ao respecto á autonomía local como condicións indispensables para garantir os servizos públicos e a cohesión do país. “Sen concellos fortes non hai dereitos garantidos nin unha Galicia cohesionada”, concluíu.

 

Valoración do Comité Nacional

 

Preguntado pola valoración do Comité Nacional celebrado o sábado, Besteiro destacou que foi “positivo, útil e necesario”, e subliñou que se tratou dun espazo de debate no que ninguén cuestionou a actuación da dirección do partido. “Ninguén plantexou que se tivese que actuar doutro xeito no caso das denuncias por acoso”, sinalou, incidindo en que a dirección explicou con transparencia as decisións adoptadas e que o Comité serviu tamén para reforzar as liñas políticas prioritarias do PSdeG para este ano, como o financiamento, a vivenda, a sanidade, os servizos sociais e o equilibrio territorial, con especial atención á Galicia interior.

 

Sobre o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, Besteiro defendeu que se trata dun marco “positivo para Galicia e para España” nun contexto internacional marcado pola suba de aranceis e o peche de mercados. Sinalou que o acordo abre oportunidades reais para sectores clave da economía galega, como a automoción, o téxtil, a química ou a industria agroalimentaria, ao facilitar o acceso a un mercado de millóns de persoas sen barreiras arancelarias.

 

En relación co sector do vacún, recoñeceu que pode haber preocupacións puntuais, pero lembrou que as importacións previstas desde Mercosur non superan o 1,5 % da produción total de vacún da Unión Europea. “A clave está en cumprir con rigor os controis, aplicar as cláusulas de salvagarda e garantir que se esixan as mesmas condicións sanitarias e ambientais que se aplican aquí”, indicou, ao tempo que reclamou unha maior promoción do vacún galego e do consumo de produto propio.

 

Besteiro engadiu que o acordo tamén pode reducir custos noutros sectores, como o lácteo, ao abaratar materias primas, reforzando así a competitividade das explotacións galegas.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

Espinosa pide garantir equidade real no acceso a diagnóstico e tratamento para persoas con enfermidades raras

A deputada socialista valora que a nova estratexia galega conte con dotación económica pero advirte…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta “feitos concretos, prazos verificables e compromisos reais” para a reforma integral do CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense

Carmen R. Dacosta sinala que Educación “non está á altura” ao negarse a tomar medidas…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista critica que o PP use celebracións coma o Ano Castelao para “lavar o pasado”

Silvia Longueira, sobre a “desideoloxización a través do tempo” da figura do político e artista…

12/02/2026
  • Secretaría Xeral

O PSdeG impulsará unha declaración institucional para apoiar que só os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro sexan considerados economía social

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en valor nunha reunión con…

12/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista responsabiliza á Xunta do derrubamento de Monte Neme porque “non fixo absolutamente nada” dende o anterior accidente hai 12 anos

Patricia Iglesias esíxelle á conselleira de Industria que asuma as consecuencias da súa “inacción prolongada”…

11/02/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia o abandono dos dous colexios de Zas: “Hai que levar chuvasqueiro e casco”

Patricia Iglesias reclamoulle á Xunta que execute as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso…

11/02/2026