O líder socialista interpela ao presidente da Xunta na sesión de control para que elixa paralizar esta operación do PP cunha tránsfuga compañeira dos edís socialistas falecidos: “Inmoralidade ou decencia. Esa é a decisión que ten que tomar esta mañá. Sen escusas”
Besteiro advirte que “quen non ten límites para acceder ao poder non ten límites para gobernar”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enfrontou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control parlamentario cunha intervención que elevou a tensión no hemiciclo desde o primeiro minuto. O líder socialista acusou directamente ao PP de aproveitar o falecemento de tres compañeiros socialistas en Lugo, en menos dun ano, para intentar facerse coa alcaldía da cidade. “Sen a morte dos nosos compañeiros, nunca chegarían a gobernar Lugo”, afirmou.
E lanzou a pregunta que marcou o pleno: “Que ética hai nun político que mira a unha familia en loito e pensa ‘esta é a miña oportunidade’? Cree realmente que a quen fai eso se lle pode considerar unha boa persoa?”
Besteiro cualificou a operación do PP en Lugo como o que é: un pacto apoiado nunha tránsfuga. “Con todas as letras: tránsfuga”, recalcou. E dirixiuse persoalmente a Rueda para esixirlle unha decisión clara: “Se avala esta moción, a inmoralidade vai manchar para sempre a súa presidencia. E vai manchalo a vostede persoalmente. Non o dubide.”
O secretario xeral do PSdeG recordou que Lugo leva 27 anos confiando en gobernos con alcaldes e alcaldesas socialistas. “Sabe por que a xente os quere? Porque quere boas persoas liderando. E eles sempre gobernaron desde a decencia”, subliñou. E advertiu: “Quen non ten límites para acceder ao poder non ten límites para gobernar”.
Besteiro pechou esta parte da súa intervención cunha interpelación directa: “Inmoralidade ou decencia. Esa é a decisión que ten que tomar esta mañá. Sen escusas. É vostede o presidente do PP de Galicia. Pode facelo. Debe facelo. Só vostede pode parar esta miseria política”. E rematou: “Se cruza esa porta sen condenar esta indignidade, xa non será só responsable. Será cómplice”.
Besteiro iniciou a sesión de control con datos económicos que retratan un modelo que non funciona. España crea emprego a un ritmo do 2,46%. Galicia quédase na metade. O paro baixa máis dun 6% no conxunto do Estado, pero aquí non chega ao 4%. E os salarios galegos seguen entre os máis baixos. “Trabállase igual, pero cóbrase menos. Ese é o seu modelo?”, preguntou o líder socialista.
O líder do PSdeG sustentou a súa crítica con datos: “Os números do IGE confirman o estrago demográfico: Galicia leva anos estancada nos 2,7 millóns de habitantes mentres o conxunto do Estado medrou un 25%. Hoxe somos menos poboación que cando vostede chegou á Xunta con Feijóo”, lembrou, e cifrou en máis de medio millón as persoas que marcharon buscando o que aquí non atoparon.
O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, compartiu con militantes e simpatizantes a primeira Foliada…
O secretario xeral do PSdeG participou no acto da Real Academia Galega polo Día das…
Asegurou, despois de que hoxe se reunise a comisión de seguimento do acordo de viabilidade…
O europarlamentario galego mantén un encontro coa Plataforma de veciños e veciñas contrarios ao proxecto…
Aitor Bouza acusa ao PP de facer “enxeñería fiscal” co orzamento que precisan os investigadores…
Julio Torrado sostén que ao titular da carteira se lle está poñendo “cara de Florentino…