A Xunta responde con indiferenza ás chamadas de axuda do rural

A Xunta responde con indiferenza ás chamadas de axuda do rural

A Xunta responde con indiferenza ás chamadas de axuda do rural

A deputada socialista Noela Blanco acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “responder con indiferenza” ás chamadas de axuda do rural. Así o dixo logo de coñecer o veto do PP a unha moción socialista pedindo axudas concretas para os agricultores, gandeiros e apicultores afectados polas xeadas, a saraiba e a seca deste ano.

A responsable socialista comezou criticando a “falla de axudas” do goberno galego para apoiar aos galegos e galegas do rural afectados polas difíciles condicións climáticas deste ano. Comezou lamentando que ademais do frío e o pedrazo que arrasou as colleitas, a seca ten provocado unha vaga de lumes que “unha vez máis está a arrasar o seu medio de vida”.

Lamentou que os veciños e veciñas se tiveran que coordinar cos alcaldes e alcaldesas “ante a falta de axuda por parte do goberno galego, que nin estaba nin se lle esperaba”. Sinalou que “por desgraza están moi acostumados a facelo porque levan moitos anos botándose ás costas os problemas que os asolagan”, evidenciando que “o rural non existe para este goberno ata que hai unha catástrofe, e ás veces nin así”.

A responsable socialista criticou que o presidente da Xunta “se dedique nos Consellos da Xunta a facer teletenda en diferido, vendendo medidas que xa están en marcha ou que xa foron aprobadas con anterioridade”, en alusión ao plan de axudas anunciado a semana pasada. Explicou así que as axudas para construír estruturas para o abastecemento de auga “xa veñen incluídas nos plans de mellora dende hai anos”.

Continuou sinalando os seguros agrarios, que contan este ano cun orzamento de 4,7 millóns de euros, “exactamente a mesma cantidade destinada en 2016”. Engadiu as axudas para financiamento e liquidez das explotacións agrogandeiras, que “dos 10 millóns cos que ían contar inicialmente ficaron en 500.000 euros para adegas e almacéns de patacas, e non aos viticultores que perderon as colleitas”.

Finalmente, explicou que o anticipo do 70 pro cento das axudas da Política Agraria Común “xa fora aprobada no mes de agosto pola Comisión Europea a proposta do goberno español e doutros países afectados”.

Iniciativa

A responsable socialista reclamaba hoxe axudas directas para permitirlle aos gandeiros comprar forraxe para os animais e para que os viticultores poidan paliar a forte caída da colleita. Tamén reclamou liñas de crédito do Igape ou un plan urxente consensuado coa Fegamp e as organizacións ecoloxistas e agrarias con medidas concretas contra a seca, ademais de adaptar os seguros agrarios á realidade da estrutura produtiva galega.

A moción socialista incluía tamén un paquete de propostas para demandarlle ao Goberno do Estado que bonifique o 90 por cento das cotas á Seguridade Social dos viticultores e gandeiros afectados polas xeadas e a saraiba. Finalmente, propuxo a redución dos módulos de Facenda para os sectores afectados, así como a declaración de zona de Emerxencia nos lugares máis danados.

A responsable socialista advertiu que as condicións climáticas teñen levado “ao límite” o medio de vida de “moitas familias que ven en perigo ás súas explotacións”, e subliñou que “non falamos de presente, senón tamén de futuro, pois están en risco moitas novas incorporacións en zonas de montaña e desfavorecidas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar