A Xunta reduce os orzamentos da Axencia de Emerxencias despois da vaga de lumes

A Xunta reduce os orzamentos da Axencia de Emerxencias despois da vaga de lumes

A Xunta reduce os orzamentos da Axencia de Emerxencias despois da vaga de lumes

O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, alertou hoxe da redución dun 11,2 por cento nos orzamentos destinados á Axencia Galega de Emerxencias xusto despois da vaga de lumes na que faleceron catro persoas e calcinou 35.000 hectáreas. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Vicepresidencia para dar conta dos orzamentos para 2018, que revelan, dixo, “escasa capacidade de acción política”.

O responsable socialista reclamou a comparecencia do responsable da Axega “cando máis falta fai dar conta das actuacións e das previsións concretas da Xunta de Galicia nunha materia tan sensible como a política de emerxencias e protección civil”. Máxime, dixo, cando a partida destinada a protección civil e seguridade descende dende os 25,4 millóns de euros a 24,9, unha redución do 11,2 por cento.

Criticou esta decisión logo dun “desastre no que se teñen denunciado graves fallos e incidencias nos operativos de emerxencias e protección civil e de extinción e defensa contra os incendios forestais”. Sinalou que logo de multiplicar por máis de 10 a superficie das instalacións do Centro Integrado de Emerxencias de A Estrada, e de pasar de 34 a 130 os postos dispoñibles no 112, na mañá do domingo 15 só había 7 persoas atendendo ás chamadas.

Preguntoulle ademais polos motivos para o cesamento do anterior xerente da Axega, durante o pasado mes de setembro, do que non se teñen ofrecido explicacións, e reclamou decisións na liña de garantir o mando único da xestión de emerxencias. Propuxo neste sentido “avaliar a adscrición do dispositivo de emerxencias autonómico, para garantir verdadeiramente o principio legal de mando único asignado ao presidente da Xunta.

Persoal de confianza

Díaz Villoslada sinalou que os orzamentos para o próximo ano limitan a capacidade de acción política, sinaladamente cando, explicou, dos 281 millóns que xestiona, 20 máis que en 2017, destina 169 para gastos correntes de bens e servizos e de persoal, o 60 por cento do total. No próximo ano destinan máis de un millón de euros a persoal eventual e de confianza sen explicar as súas categorías nin funcións.

Ademais, apuntou ao “desprezo absoluto” dirixido ás políticas de Igualdade, que aumentan tan só un 0,13 por cento, mentres “destinan 54.000 euros ás accións para o desenvolvemento da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, o que “parece unha broma”. Alertou do “abandono xeral do papel da prevención” ou a eliminación da partida para plataformas tecnolóxicas de apoio á loita contra a violencia de xénero.

Reivindicou a posta en marcha dunha Lei de Igualdade Salarial, xa que “non é admisible unha fenda salarial do 21 por cento entre homes e mulleres, que unha muller teña que traballar 66 días máis que un home para gañar o mesmo, ou que perciba 6.000 euros menos ao ano que un home polo mesmo traballo”.

Xustiza

Díaz Villoslada sinalou que, malia ao incremento do 7,8 por cento nos orzamentos da Xustiza, “suben un 5,5 por cento xa só os gastos de persoal” cando no que vai de ano tan só executaron o 62,8 por cento. Logo de 8 anos, apuntou, non hai orzamentos para o desenvolvemento do dereito civil especial de Galicia, tampouco hai promoción do galego na xustiza nin medidas alternativas ao cumprimento de penas en prisión.

Tampouco inclúen, engadiu, “nada do Imelga”, nuns orzamentos que obvian a implantación do expediente xudicial electrónico e “despachan” o sistema de asistencia xurídica gratuíta “cunha mínima suba de 100.000 euros”. Así sucede tamén coas novas oficinas xudicial e fiscal, con apenas 70.000 euros para 2018, e a racionalización dos espazos dedicados ao arquivo xudicial reciben 95.000 euros.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar