A Xunta quere impoñerlle ao Parlamento unha alteración dos orzamentos cun "trágala antirregulamentario"

A Xunta quere impoñerlle ao Parlamento unha alteración dos orzamentos cun "trágala antirregulamentario"

A Xunta quere impoñerlle ao Parlamento unha alteración dos orzamentos cun “trágala antirregulamentario”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu hoxe de que a decisión do Executivo de modificar os orzamentos a través dunha Lei debatida polo procedemento de lectura única “non se axusta ao Regulamento”. Advertiu das “serias dúbidas” sobre a legalidade do mecanismo e reservouse a posibilidade de presentar un recurso contra esta decisión.

O portavoz socialista sinala que a Xunta utiliza este procedemento para “furtar o debate” dunha modificación fundamental que altera os orzamentos, modifica os concertos educativos e tamén as transferencias ás universidades, por exemplo. O mecanismo de lectura única está reservado sen embargo para “cando a simplicidade así o permita”, o que non se cumpre cando a propia Xunta sinala 10 erros despois de enviala á Cámara.

En definitiva, explicou, o goberno galego quere forzar un “trágala” á oposición para aceptar ou rexeitar unha alteración das contas públicas que en realidade é unha “pura operación de márketing” sen a posibilidade de presentar emendas.

Fernández Leiceaga sinala que a Lei, que supón un incremento dos ingresos de 260 millóns de euros, supón “o recoñecemento de que nós tiñamos razón” ao apuntar que as partidas para gasto social resultaban “insuficientes”. Os socialistas presentarán hoxe mesmo unha emenda á totalidade para solicitar a Lei que consideran continúa sendo insuficiente, e reclaman ampliar o incremento ata chegar aos 400 millóns adicionais.

O portavoz socialista puxo o acento en primeiro lugar no aumento de 71 millóns de euros para os salarios do persoal que traballa para a administración, evidenciando que os orzamentos iniciais para gastos de persoal eran escasos. Por iso teñen que aumentar a partida dende os 36 millóns derivados do incremento do 1 por cento nos salarios ata un total de 71 millóns de euros, un 3 por cento, “mentres Feijóo fala de austeridade”.

Tamén considera “moi insuficiente” que a Xunta só destine 600.000 euros para emigrantes retornados de Venezuela, así como o incremento previsto para a Risga, a atención á Dependencia ou á sanidade. Ao mesmo tempo destinan unha terceira parte do incremento para o que chaman “crecemento económico” e que en realidade é un “caixón de sastre para tapar furados”, como centros educativos ou o Fondo de Cooperación Local.

Emenda

Leiceaga explicou que solicitará mañá a devolución desta Lei tanto polo mecanismo utilizado para o seu debate como polo contido da mesma, solicitando ampliar o incremento orzamentario ata os 400 millóns de euros. Estes inclúen os 60 millóns adicionais de endebedamento permitidos no CPFF, e advertiu que “non é boa estratexia dicir que non necesitamos endebedamento en plena discusión do reparto do déficit”.

Tamén reclama máis recursos para reforzo do persoal sanitario de atención primaria e especializada con contratos estables, e propuxo incrementar en 40 millóns os p5rogramas sociais, con 20 millóns adicionais para a Risga e Dependencia que se sumarían aos 4 e 10 previstos pola Xunta, respectivamente. Incluirá ademais destinar 60 millóns para un programa de crecemento económico “real”.

Os socialistas galegos propoñen incluír 5 millóns adicionais para o transporte público de viaxeiros por estrada de Galicia, logo de advertir que “chama poderosamente a atención” que o goberno galego non aproveitara o incremento orzamentario para activar máis recursos a favor do transporte de viaxeiros de Galicia.

Esta inxección adicional de fondos “facilitaría unha solución a un conflito que ameaza con enquistarse e converterse nun problema”. Instou de novo ao goberno galego a empregar os 22 meses de prazo cos que conta “para buscar unha solución mellor e unha saída ao conflito”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar