A Xunta quere equiparar as Illas Cíes a Benidorm

A Xunta quere equiparar as Illas Cíes a Benidorm

A Xunta quere equiparar as Illas Cíes a Benidorm

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao goberno galego e ao PP de situar as Illas Cíes “ao nivel de destinos turísticos como Benidorm ou Sanxenxo” sen ningún respecto polo seu valor medioambiental. Vilán presentou unha proposición non de Lei en Comisión para utilizar os parques naturais como elementos de desenvolvemento económico e como epicentro dun Plan Escolar de Educación Ambiental, que foi rexeitada polo PP.

Vilán sinalou ao conflito deste verán coas navieiras do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que evidenciou a falla absoluta de control pola Xunta fronte á saturación de visitas ás Cíes polas empresas. O mesmo sucede co resto de parques naturais, por canto o presidente da Xunta celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente deste ano cun guateque que rematou plantando árbores lesivas no complexo dunar de Corrubedo.

A responsable socialista criticou a falla de compromiso medioambiental do goberno galego, que leva quince anos de retraso para a aprobación do plan reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O mesmo goberno que, a costa de organizar unha “charanga” en Corrubedo, incumpriu o Plan de Ordenación do Parque Natural, o decreto de Declaración do Parque Natural de 1992 e o Plan Director da Rede Natura.

Lamentou a falla de respecto da Xunta tanto polo Parque Nacional que reúne aos arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, como aos seis parques naturais de Galicia –Fragas do Eume, Corrubedo, Monte Aloia, Baixa Limia – Serra do Xurés, Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. Agás o Eume e Corrubedo, dixo, ningún destes parques pode presumir de ter a afluencia de visitas que merece.

Responsabilizou isto á escasa promoción por parte do Executivo, que amosa unha lamentable preguiza á hora de convocar ás xuntas consultivas, con apenas 22 encontros dende 2009, o que supón “escasamente 4 ao ano para seis parques naturais”.

Os socialistas reclamaron así que a Xunta “desbote que sexan grandes destinos turísticos” masificados, pero que sexan aproveitados como elementos de desenvolvemento económico para o seu entorno e sexan encadrados “como epicentro dun Plan Escolar de Educación Ambiental”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar