O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, presentou unha proposta no Parlamento para pedirlle á Xunta que presente, antes de que remate o ano, un informe da Comisión Galega de Protección Civil dirixido a mellorar as eivas detectadas na vaga de lumes deste outono.
O responsable socialista sinala que o dito informe debe avaliar “os cambios que se deben levar a cabo no sistema de emerxencias e protección civil de Galicia con motivo das incidencias, erros de mando, comunicación e insuficiencia de recursos postos de manifesto durante a vaga de lumes” deste outono.
Díaz Villoslada sinala que as propostas deben incidir sinaladamente sobre a cobertura territorial do sistema, análise de riscos, operatividade dos servizos, coordinación operativa, inventario de recursos, programa de implantación e financiamento do sistema.
O parlamentario socialista tómalle así a palabra ao propio vicepresidente da Xunta, quen anunciou en setembro, antes da vaga de lumes e despois dunha xuntanza da Comisión Galega de Protección Civil, a revisión e creación dun novo mapa de emerxencias en colaboración con deputacións e concellos. Sinala que a realidade evidenciou que a profunda revisión do sistema de emerxencias é “manifesta e de máxima urxencia”.
Emerxencias
Lembra ademais que a solicitude de comparecencia do director xeral de Emerxencias e Interior para explicar o funcionamento dos operativos de emerxencias e protección civil, presentada de forma conxunta por socialistas, Marea e BNG, aínda non se ten producido.
Isto é así cando xa pasaron máis de quince días da vaga de lumes, que acabou coa vida de catro persoas e arrasou máis de 35.000 hectáreas. Dende aqueles días, sinalou, cales tanto traballadores do 112, como dos servizos de bombeiros e das brigadas forestais “veñen trasladando á sociedade galega a situación de caos, fragmentación, desorganización e falla real de recursos”.
Díaz Villoslada enumerou o conxunto de problemas detectados daquela, con efectivos utilizando canais de comunicación diferentes, só sete persoas atendendo ás chamadas do 112 aquel domingo pola mañá. Engadiu unha “máis que dubidosa xestión da información e da comunicación por parte da CRTVG”, servizos de bombeiros urbanos que tardaron 12 horas en ser mobilizados, ou medios aéreos que duplican a vida media recomendada.