A Xunta presenta uns Orzamentos "placebo" que "fracasan na defensa dos servizos públicos e a recuperación da economía"

A Xunta presenta uns Orzamentos "placebo" que "fracasan na defensa dos servizos públicos e a recuperación da economía"

A Xunta presenta uns Orzamentos “placebo” que “fracasan na defensa dos servizos públicos e a recuperación da economía”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, comparou hoxe os orzamentos da Xunta para 2018 cun “placebo” inerte para a recuperación da economía galega. No debate de totalidade dos Orzamentos da Xunta, diante do Pleno do Parlamento, acusou á Xunta de “repetir a todas horas que estamos mellor para facer que nos esquezamos das dificultades”.

O responsable socialista reclamou a devolución dos Orzamentos para o próximo ano que, dixo, “baséanse nun crecemento socialmente desequilibrado sen mecanismos que reduzan este desequilibro, renuncian a unha política de ingresos que amplíe a base fiscal da Xunta con equidade e eficiencia”. Ademais, remachou, “padecen de inercia” ao non afianzar a recuperación e preparar o futuro.

Así o apunta, dixo, o propio informe económico – financeiro que acompaña aos Orzamentos, que alerta na desaceleración do crecemento previsto para 2018. Segundo o documento da Xunta, a situación dificulta a mellora dos niveis de vida dos máis pobres, dificulta a redistribución da riqueza, desincentiva investimentos, afecta á sostibilidade dos servizos públicos e “aviva o resentimento político”

Fernández Leiceaga criticou que tendo unha diagnose adecuada, Feijóo mantense na mesma fórmula económica fracasada. Resumiu que a Xunta fai descansar a economía galega na dependencia do mercado externo, vulnerable á conxuntura actual, mentres “o motor da economía interna está gripado”, pola falla de recursos da cidadanía, cando “non hai outra terapia que meter máis combustible, gastando máis e mellor”.

Responsabilizou a Feijóo de manterse “entrampado nunha ideoloxía de austeridade que hoxe segue a prescribir sangrías a un enfermo que precisa dunha transfusión”. Advertiu que “para combater a crise política é preciso recompoñer o contrato social básico, e iso pasa por reducir substancialmente o precariado social con máis emprego, máis estabilidade e salarios dignos”.

Débeda

O portavoz socialista afeoulle ademais ao presidente da Xunta que teña provocado “unha débeda autonómica alta, historicamente a máis alta do curto percorrido do noso autogoberno”. Explicou que “7 de cada 10 euros de débeda foron xerados polo presidente Feijóo, case tres polo presidente Fraga Iribarne e menos de 1 de cada 10 euros foron polo presidente socialista Emilio Pérez Touriño.

Fernández Leiceaga reclamou ademais “outra política tributaria” que eleve a progresividade ao incrementar os impostos para as rendas máis altas e avance nos gravames sobre as industrias contaminantes e ás grandes superficies comerciais. Así garantiría máis ingresos para os servizos sociais básicos, con efectos positivos sobre a equidade e a eficiencia, reducindo a desigualdade no país no que máis medrou a distancia entre ricos e pobres de toda a UE.

O portavoz socialista lamentou que o goberno galego careza ademais dun “plan consistente para a mellora dos servizos públicos básicos con “outra política social e económica”. Sinalou que as moderadas subas de recursos en sanidade e educación “apenas permitirán atender as subas salariais e ao mantemento do persoal na sanidade”, cando con apenas 40 millóns poderían contratar 1.000 prazas adicionais.

Reivindicou empregar a capacidade de manobra financeira do goberno galego para “acadar máis recursos e aplicalos mellor”, destinándoos a reforzar os servizos públicos e “atender ben aos dependentes, ás persoas en risco de pobreza e reforzar a nosa capacidade de crecemento a longo prazo”.

Execución

Criticou a escasa recuperación do investimento, onde “aínda estamos no 60 por cento dos valores medios do período 2007-2009, mentres a Xunta “carece dunha reflexión necesaria sobre o déficit na execución do orzamento”. Explicou que “non hai un esforzo no cambio de modelo produtivo ou na creación de vantaxes competitivas”.

Sinalou que a Xunta apenas executa os orzamentos destinados orixinalmente a promoción de emprego e formación de desempregados. Apuntou que a 30 de setembro de 2017 apenas tiñan executado o 25,1 por cento dos orzamentos para Promoción do Emprego, e aínda peores nos programas de Fomento da empregabilidade ou Mellora da cualificación no emprego -0,8 por cento-.

Alertou destes niveis de execución “baixísimos” cando o desemprego constitúe precisamente “o problema central” de Galicia, cun comportamento da creación de postos de traballo “peor que en España e moito peor que en Portugal”, onde teñen un 10 por cento de paro xuvenil, fronte ao 33 por cento de Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar