A Xunta impón a modificación irregular dos orzamentos da Xunta

A Xunta impón a modificación irregular dos orzamentos da Xunta

A Xunta impón a modificación irregular dos orzamentos da Xunta

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu hoxe da “insuficiencia” do incremento orzamentario de 228 millóns de euros imposto hoxe pola Xunta. O responsable socialista reclamou aumentar a previsión ata os 400 millóns de euros, o que suporía “levar esta rectificación orzamentaria ata onde é posible sen atentar contra a estabilidade financeira”.

Fernández Leiceaga reclamou utilizar estas partidas adicionais para “aliviar a carga para as familias con menos recursos, elevar substancialmente o gasto social e sanitario e articular unha estratexia para o crecemento económico e o emprego”. Os socialistas reclamaron a retirada da Lei, plantexada polo trámite de lectura única a pesares de que modifica os orzamentos, “por motivos de forma e de fondo”.

Os socialistas presentaron unha emenda a esta Lei na que incorporaron, explicou, os 60 millóns de euros adicionais autorizados para 2017 polo CPFF sen custe adicional, ademais dos ingresos adicionais sobre o previsto polo imposto sobre sucesións e doazóns, así como a diferenza entre a liquidación prevista e a definitiva do sistema de financiamento de 2015, que supera os 60 millóns de euros.

Estes recursos permitirían destinar 20 millóns a axudar a persoas con fillos menores de 6 anos, así como reforzar o persoal sanitario de atención primaria e especializada con contratos estables.

Tamén permitirían incrementar en 40 millóns os programas sociais, con 20 millóns adicionais para a Risga e Dependencia que se sumarían aos 4 e 10 previstos pola Xunta, respectivamente. Os socialistas propoñen ademais destinar 60 millóns para un programa de crecemento económico “real”.

Fernández Leiceaga propuxo incluír 5 millóns adicionais para o transporte público de viaxeiros por estrada de Galicia, logo de advertir que “chama poderosamente a atención” que o goberno galego non aproveitara o incremento orzamentario para activar máis recursos a favor do transporte de viaxeiros de Galicia. Tamén reclamou destinar 8 millóns de euros adicionais á prevención de incendios.

Rectificación irregular

O portavoz socialista sinalou que a modificación do Orzamento da Xunta supón o recoñecemento de facto de que os orzamentos para o ano 2017 “eran pouco ambiciosos”, como xa aseguraran os socialistas galegos, cando sinalaban a insuficiencia dalgunhas das partidas de gasto, sinaladamente no gasto social.

Ademais, dixo, o trámite escollido para realizar esta modificación, o trámite polo procedemento de lectura única, supón “un trágala con rendemento publicitario” xa que impide o debate e o acordo entre os grupos parlamentarios. Sinalou tamén as dúbidas sobre un procedemento que “non se axusta ao Regulamento do Parlamento”, que supedita este mecanismo á natureza dos proxectos ou á súa simplicidade.

En ningún caso, sinalou, se refire a unha modificación orzamentaria, cando os orzamentos teñen un trámite específico, e trátase dun texto que “carece de consenso e de simplicidade”. Mesmo a Xunta, sinalou, transmitiu as súas dúbidas sobre a lo menos 8 puntos da Lei que teñen que ser modificados despois de que deran traslado ao Parlamento.

Amosou a disposición dos socialistas galegos a negociar sobre a modificación dos orzamentos da Xunta, xa que sinalou que “pódese facer máis e pódese facer mellor, pero así é imposible acordar nada”. Reiterou que o trámite escollido impide presentar emendas, co que “o Parlamento queda convertido nun mero órgano de ratificación ou rexeite”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar