A Xunta entorpece a labor fiscalizadora do Consello de Contas

A Xunta entorpece a labor fiscalizadora do Consello de Contas

A Xunta entorpece a labor fiscalizadora do Consello de Contas

A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de entorpecer deliberadamente a labor fiscalizadora do Consello de Contas. Así o dixo no debate no Pleno do Parlamento das Propostas de Resolución presentadas á Memoria de Actividades do ente fiscalizador do ano 2015, no que se aprobaron 3 das 14 propostas socialistas.

A responsable socialista sinalou que “non basta con aprobar a Lei de Transparencia e de reforzar ao Consello de contas”, xa que, lembrou, “ten a obriga de aplicar o principio de transparencia a toda a xestión da Xunta e os entes instrumentais e ten a obriga de colaborar co ente”.

Sinalou así que de acordo coa propia Memoria de Actividades, a Xunta fai unha incorrecta imputación contable, incumpre o Plan Xeral de Contabilidade Pública de 2010, carece dun plan de viabilidade das fundacións públicas, e non presenta información dos obxectivos correspondentes aos proxectos financiados polos fondos europeos.

A deputada socialista advertiu que o propio Consello de Contas sinala á Intervención Xeral da Xunta, que non envía a documentación necesaria para interpretar correctamente a situación financeira, mentres as entidades instrumentais presentan as contas fora de prazo ou directamente non as presentan.

Neste sentido advertiu que a Xunta continúa pechando os exercicios contables antes de prazo, “impedindo obter unha imaxe fiel do Orzamento”, como foi o caso do exercicio correspondente ao ano 2014, o analizado nesta Memoria, que foi pechado a 15 de setembro.

Ademais, explicou, o ente sinala o uso do programa de imprevistos como “programa – ponte” para realizar transferencias de crédito. Os socialistas esixiron a regulamentación normativa dos supostos de aplicación e a dotación anual do Fondo de Continxencia, para frear o seu uso como instrumento de distribución discrecional de fondos públicos.

Máis recursos

Rodríguez Rumbo apuntou a necesidade de que o Consello de Contas conte con “máis orzamento e máis persoal”, como medida imprescindible para mellorar o seu traballo de fiscalización e para que poidan elaborar os informes de fiscalización con máis celeridade.

O Pleno aprobou tres das 14 propostas de Resolución presentadas hoxe polos socialistas galegos, dirixidas a incorporar os Fondos Europeos do marco 2014-2020 no Portal de Transparencia da Xunta, a implantar a contabilidade financeira no sistema contable autonómico e a establecer nas axencias públicas os necesarios indicadores de xestión.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar