A Xunta debe demostrar humildade para negociar e acabar co "caos" da Xustiza en Galicia

A Xunta debe demostrar humildade para negociar e acabar co "caos" da Xustiza en Galicia

A Xunta debe demostrar humildade para negociar e acabar co “caos” da Xustiza en Galicia

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Xustiza que comece a negociar “con humildade” cos traballadores que levan case un mes en folga. Na comparecencia do conselleiro no Pleno do Parlamento criticou que lles negue a equiparación salarial co resto do Estado mentres “dilapidan case 740.000 euros” para un estudo sobre a implantación da nova oficina xudicial contratado á consultora Everis.

Vilán sinalou que “a solución está na súa man, desbloquee o conflito, séntese cos representantes dos traballadores sen condicións, con humildade” para negociar “a partir do acordo parlamentario” aprobado por unanimidade en decembro por iniciativa dos socialistas galegos.

Preguntoulle “por que se ten apartado” daquela proposta que incluía situar as retribucións dos traballadores na media do Estado, consolidar prazas estruturais, repoñer aquelas que foron amortizadas ou acabar coa súa discriminación co resto do Estado. Cuestionou así o “peso específico” de Rueda dentro do goberno galego, e preguntoulle se “dan máis ordes na Xustiza os conselleiros de Emprego e Facenda que vostede”.

Criticou que o conselleiro teña “moita cara” para poñer a suspensión da folga como condición para sentarse cos sindicatos logo de 9 anos sen terse encontrado con estes traballadores e demostrando “o seu desinterese coa xustiza”. Puntualizou que a folga é un dereito no que “as negociacións son case obrigatorias e son os traballadores os que deciden se continúan ou non, pero non é impedimento para continuar a negociación”.

Advertiu que os traballadores “están dispostos a negociar” cunha oferta “seria e xusta”, sen condicións e duplicando a proposta inicial do goberno galego porque, dixo, trátase dunha cuestión “de xustiza e dignidade”. Acusou ao goberno galego de “non dicir a verdade” sobre a súa oferta aos traballadores, xa que “se ofreceran case 36.000 euros ao ano aceptarían cos ollos pechados”.

Criticou ademais que estean “intoxicando á opinión pública” ao dicir ao mesmo tempo que o seguimento da folga é de menos do 40 por cento e que hai colapsos na xustiza. Engadiu que “intoxica tanto que dixo en catro ocasións que ofrecía unha suba de 1.000 euros mensuais” para recoñecer, logo da advertencia de Vilán, que era unha suba anual a aplicar en 3 anos.

Alertou finalmente de que a cuarta semana de folga coincide co malestar dos xuíces e fiscais, que anunciaron unha folga para o 22 de maio, co que o problema “en Galicia se pode multiplicar por infinito”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar