A Xunta debe "acompañar" aos galegos afectados pola venta do Popular

A Xunta debe "acompañar" aos galegos afectados pola venta do Popular

A Xunta debe “acompañar” aos galegos afectados pola venta do Popular

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe a intervención do Goberno galego para “acompañar” aos afectados pola venta do Banco Popular, propietario do Banco Pastor. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces na que os socialistas, xunto co resto dos grupos da oposición, reclamaron a comparecencia de Feijóo sobre este asunto, que foi vetada polo PP.

O responsable socialista dixo que o presidente da Xunta debe trasladarlle á Cámara e a toda Galicia “a información da que dispón” sobre esta operación, feita dun xeito “cando menos pouco transparente”. O goberno galego, dixo, debe clarificar tamén a súa actitude e o papel que tomará agora para “mitigar os efectos laborais e de exclusión financeira” cos que se saldará a operación en Galicia.

Considera “extremadamente razoable” a decisión dos inversores, que sentíndose enganados, recorren á xustiza para recuperar os seus aforros, e pediu unha “solución rápida para solventar as reclamacións de forma eficaz e dilixente”.

Advertiu que Galicia resulta “especialmente afectada” pola absorción do Popular por parte do Santander, que xunto con Abanca pasarán a asumir o 70 por cento da oferta bancaria de Galicia e máis de 2.000 empregos. Advertiu que a extensa rede de oficinas do Banco Pastor, agora duplicadas co Santander, veranse inevitablemente afectadas xunto cos seus traballadores.

Ademais desaparecerán de Galicia os antigos servizos centrais da entidade, nun proceso de “concentración financeira extrema” que afectará tamén e sobre todo ás Pemes, cos que o Banco Popular viña traballando tradicionalmente.

Fernández Leiceaga advertiu da “necesaria clarificación” desta operación na que os supervisores demostraron unha actuación “imprudente”, e “neglixente” por parte dos auditores. Lembra que a causa ofrecida en primeiro lugar, a da falla de liquidez, que motivou o pánico bancario e acelerou o seu rescate por outra entidade, desmorónase ante a valoración do banco, estimada “entre -2.000 e -8.000 millóns”.

Este dato ofrecería un novo motivo, o da falla de solvencia, máis congruente coa decisión de levar o seu capital a cero, pero que abriría dúbidas sobre a auditoría aplicada en 2016 e os test de estrés, e sobre a fiabilidade da información ofrecida na última ampliación de capital da entidade.

Enerxía

O Pleno da próxima semana comezará, explicou, cunha proposición de Lei presentada polos socialistas galegos para levar ao Congreso un cambio da Lei de Modificación do Sector Eléctrico. Fernández Leiceaga considera “inxusto” e contra a autonomía financeira de Galicia a dita norma, que obriga a pagar máis aos usuarios galegos de enerxía en función dos tributos verdes aplicados pola Xunta ás eléctricas.

O responsable socialista critica que os consumidores galegos teñan que pagar polos impostos ecolóxicos aplicados a empresas que extraen enerxía en Galicia independentemente de que esta se consuma fora de Galicia. Ademais, engadiu, esta decisión “limita de forma abusiva a autonomía financeira de Galicia”, xa que condiciona os mecanismos tributarios do goberno para corrixir a actuación destas industrias.

O próximo Pleno incluirá ademais unha proposición non de Lei con propostas para cubrir a demanda de prazas públicas en escolas infantís nos polígonos industriais, así como unha interpelación diante do peche anunciado de entre un 15 e un 20 por cento de camas hospitalarias no verán. Explicou que este recorte, aplicado sobre un servizo xa recortado, deixa á sanidade pública “nun nivel insostible”.

A sesión de control ao presidente por parte do Grupo Socialista estará centrada nesta ocasión na atención que presta o goberno galego ás 700.000 persoas maiores de Galicia. Sinalou neste sentido á aplicación “morosa” da Lei da Dependencia, ás pensións ou á oferta “moi deficiente” de residencias públicas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar