A Xunta confirma que a mellora do Hospital Provincial de Pontevedra non está orzamentada

A Xunta confirma que a mellora do Hospital Provincial de Pontevedra non está orzamentada

A Xunta confirma que a mellora do Hospital Provincial de Pontevedra non está orzamentada

A deputada socialista Patricia Vilán amosou hoxe a súa “perplexidade” logo de que o conselleiro de Sanidade confirmara que a partida orzamentaria para a reforma do Hospital Provincial de Pontevedra “non aparece con ese nome” nas contas para 2018. Así o dixo na resposta a unha pregunta oral do Grupo Socialista na que lle reclamaban medidas urxentes para superar as condicións “terceiromundistas” do centro.

Vilán reclamoulle ao conselleiro que “se teñen proxecto para a reforma digan en qué páxina orzamentaria vai, porque non o atopamos en ningunha”, antes de que o conselleiro confirmara que non está e sinalara que “o que figure nos Orzamentos non é importante, o importante é facer as cousas”.

A responsable socialista lembrou que a Xunta orzamentou a ampliación de Montecelo pero non a executou e preguntou polo tanto “que van facer agora que nin sequera inclúen a reforma do Provincial nos Orzamentos”. Un documento que, explicou, establece os investimentos do goberno galego para todo un ano, e puxo en cuestión a “escusa” do conselleiro, quen apuntou á partida “xenérica” do Plan de Humanización do Sergas.

A parlamentaria socialista apuntou á “realidade infrahumana da área de lactancia” do dito hospital, dotada “dun berce decimonónico e unha cadeira de tortura para as nais”, con denuncias presentadas por unha nai que tivo que amamantar ao seu bebé dun mes na zona de pediatría porque a área de lactantes estaba pechada.

Alertou de que “como sigan vostedes así ao Hospital vanno comer os bechos antes de que teñan a oportunidade de facer algo con el”, mentres os donantes de sangue teñen que situarse nun contedor de obra ata hai seis meses, e a zona de espera da área de urxencias pediátricas satúrase con apenas 10 nenos.

Advertiu que esta situación precaria afecta tamén aos servizos de medicina interna, infecciosas, neuroloxía, nefroloxía, dermatoloxía, obstetricia, xinecoloxía, análises clínicas, radioloxía, microbioloxía, hematoloxía, oftalmoloxía, as unidades de saúde laboral, penitenciaria, hemodiálise, e cirurxía maior ambulatoria, así como os hospitais de Día de Psiquiatría e Oncolóxico, “demasiados servizos para un espazo absolutamente degradado”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar