Xestión catastrófica do emprego en Galicia

Xestión catastrófica do emprego en Galicia

Xestión catastrófica do emprego en Galicia

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “vanagloriarse” dunha “xestión catastrófica” da política de emprego de Galicia. A responsable socialista puxo os datos da EPA coñecidos hoxe como exemplo do fracaso das políticas do goberno galego, que conseguiu 12.900 novos desempregados no primeiro trimestre, mentres en todo o Estado aumentan 17.200.

Blanco considera “demoledor” o incremento do desemprego con relación ao trimestre anterior, un 6,33 por cento fronte a un aumento do 0,41 por cento en todo o Estado. Esta situación demostra que Galicia está “a remolque do que sucede no resto de España, varias velocidades por debaixo e cunha fenda visible na recuperación que pode converterse en estrutural”.

Así o demostra que no último ano a ocupación en Galicia crecera a metade que en España, un 1,23 por cento fronte ao 2,27 da media estatal, mentres o paro caeu apenas unha terceira parte da media, un 4,72 por cento fronte ao 11,19 por cento.

Advertiu que “os datos cuantitativos xa de por si son alarmantes, pero xunto cos datos cualitativos coñecidos onte constitúen unha emenda á totalidade da xestión do goberno galego”. Considera “intolerable, inaceptable e insoportable” que o goberno galego “estea tranquilo mentres un de cada catro galegos se atope en risco de pobreza ou exclusión”, segundo a Enquisa de Condicións de Vida presentada onte polo INE.

Non está á altura

Noela Blanco acusou aos integrantes do goberno galego de “demostrar cada ano que pasa que non están á altura da responsabilidade que ostentan”, nomeadamente logo da baixa execución orzamentaria nos programas de Promoción de Emprego. Considera “un mal chiste” que “dispoñendo de recursos, medios e competencias, a única decisión do goberno galego sexa non facer absolutamente nada”.

Advertiu que o goberno galego deixou sen executar ata 100 millóns de euros nestes apartados, onde apenas chega ao 60 por cento de cumprimento dos seus compromisos. Explicou así que no programa de Fomento da Empregabilidade (3.2.2.a) deixou 49 millóns sen executar, o 50 por cento, a mesma porcentaxe do programa de Formación de Profesionais (3.2.3.a), onde deixou sen gastar máis de 40 millóns de euros.

Continuou con exemplos como o programa de Mellora de de Cualificación de Empregados (3.2.3.b), do que apenas executou o 17 por cento. Sinalou que, logo de coñecer estes datos e precisamente co nivel de desemprego de Galicia, “se non hai ceses, dimisións ou cambios drásticos na xestión é que o nivel de esixencia da Xunta está por debaixo dos mínimos esixibles”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar