Vivendas colectivas para que os maiores poidan compartir servizos

Vivendas colectivas para que os maiores poidan compartir servizos

Vivendas colectivas para que os maiores poidan compartir servizos

A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, propuxo hoxe traer a Galicia o modelo nórdico de co-housing ou vivendas colectivas nas que as persoas maiores poidan convivir e compartir servizos por propia elección. Pierres presentará esta proposta na Comisión de Vivenda do próximo martes, na que reclama a implicación do goberno galego nesta medida.

Pierres reclamou traer a Galicia “modelos de innovación social” e instou a “deixar de facer políticas de reparación unha vez chegados os problemas” xa que, advertiu, España será en 2050 o país con maior porcentaxe de maiores do mundo, e Galicia, xunto con Asturias, será “a rexión máis envellecida do mundo”. Reclámalle así ao goberno galego que poña en marcha un Plan de fomento de novas solucións habitacionais para colectivos de maiores”.

Urxe adoptar dende xa, explicou, un modelo que naceu nos países escandinavos hai 3 décadas e que “mestura nun mesmo entorno residencial a dimensión privada, común e pública dos seus residentes a través dun acceso á vivenda non especulativo”. Nela “todos os membros do complexo residencial son socios dunha cooperativa que é propietaria das vivendas e cede aos residentes o uso de por vida”.

Esta proposta, dixo, pode materializarse “de formas moi diferentes, en pequenos barrios, urbanizacións ou comunidades de casas independentes nas que os veciños e veciñas comparten zonas e servizos segundo as necesidades reais”. Nestes lugares os residentes “colaboran entre si, comparten inquedanzas vitais e servizos, que poden ir dende a atención médica ao coidado dos nenos ou actividades culturais”.

Goberno galego

María Pierres urxiu a participación do goberno galego nesta iniciativa “a través de distintas vías, que poden ser a achega de chan, a participación directa da Administración na constitución do proxecto, plans e programas ou subvencións públicas”. Sinalou que actualmente hai en toda España 10 exemplos de vivendas colectivas, 1 en construción, 23 en proceso de constitución, e en Galicia só unha iniciativa en fase de constitución.

Trátase de impulsar un “envellecemento máis saudable e, polo tanto, cun menor consumo de recursos socio – sanitarios”, que garante á xeración do baby-boom un envellecemento con calidade de vida, activo, digno e consciente, centrado na autoxestión e lonxe de fórmulas tuteladas.

A responsable socialista explicou que estas solucións “dan resposta a unha demanda crecente da poboación, con independencia das idades, e soluciona o grave problema asistencial e de servizos” para as persoas maiores. Quere responder a unha “xente concienciada de que os traballos de coidado de maiores son insostibles nas familias e xeran formas de explotación que sofren especialmente as mulleres”.

Sinalou que hoxe o 39,6 por cento das mulleres maiores de 85 anos viven soas, fronte ao 25,9 por cento dos homes, derivado da maior lonxevidade delas, pero que reflicte o aumento de situacións de soidade non desexada que pode paliarse a través destas fórmulas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar