Vilán acusa ao PP de aprobar unha lei de caza “xuridicamente defectuosa” e “conscientemente confusa”

Vilán acusa ao PP de aprobar unha lei de caza “xuridicamente defectuosa” e “conscientemente confusa”

Vilán acusa ao PP de aprobar unha lei de caza “xuridicamente defectuosa” e “conscientemente confusa”

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista censurou a intransixencia do PP para facer un texto lexislativo adaptado ás novas situacións do medio rural e da caza

A lei confunde dereitos básicos, obvia a avaliación ambiental das explotacións cinexéticas comerciais, non precisa prazos para comunicar danos nin para informar ao goberno da xestión de terreos cinexéticos deportivos

Patricia Vilán reclamou a ampliación do límite de idade para cazar de 16 a 18 anos e advirte que o texto carece de medidas para incrementar a seguridade

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, defendeu hoxe a abstención do seu grupo na votación do Proxecto de Lei de Caza por entender que non aportan solucións aos problemas que existen na práctica da mesma.

A parlamentaria socialista recoñeceu que a caza mudou en Galicia desde hai 16 anos, os que leva en vigor a lei vixente, cambios que xustificarían unha reforma, e incluso unha nova lei. “Pero non estas solucións”, propostas polo Partido Popular.

Para Vilán sería preciso que a lei de Caza servise de dinamizadora do mundo rural, tremendamente despoboado, debera regular a responsabilidade polos danos ocasionados pola fauna salvaxe, clarificar os dereitos de cada un dos colectivos implicados. Este texto debera regular a idade mínima para cazar acorde coa Constitución de 1978 e aos tempos que corren e actualizar o réxime sancionador aos novos tempos.

A deputada socialista acusou ao Goberno de Feijóo e ao Grupo Popular de ter presentado e apoiado un texto “conscientemente confuso e pouco clarificador” que, ademais de confundir dereitos básicos, obvia a avaliación ambiental das explotacións cinexéticas comerciais, non precisa prazos para comunicar danos nin para informar ao goberno da xestión de terreos cinexéticos deportivos. Puntualizou que “as normas han de ser precisas, xa que cando non o son plantexan moitos problemas”.

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista laiouse de que, durante a súa tramitación, de 65 emendas o Grupo Popular só permitise a inclusión de cinco, relativas a coordinación xurídica e á corrección gramatical do texto remitido polo Goberno.

Vilán explicou que a norma vulnera a Lei de Igualdade na composición dos comités galego e provinciais de caza e pon en cuestión o dereito de propiedade protexido pola Constitución (art. 33) ao confundir a propiedade da finca coa titularidade do coto de caza. Tampouco quedan moi definidos, aínda que a redacción beneficia aos cazadores, os requisitos necesarios para a cesión definitiva aos TECORES dos dereitos cinexéticos, extremo que os socialistas pretendían evitar, impedindo a súa irreversibilidade a través dunha emenda para que tal cesión fora sempre por acordo entre as partes e por tempo limitado.

A deputada socialista reclamou a ampliación do límite de idade para exercer a caza de 16 a 18 anos e considerou un “contrasentido” que a idade mínima para conducir sexa de 18 anos. Vilán, advertiu ademais que o texto carece de medidas dirixidas a incrementar a seguridade no exercicio desta actividade.

Ademais, o texto non resolve o problema da responsabilidade por danos, “so fai pura maquillaxe”, afirma Vilán. Segundo Vilán a lei de Caza contén un réxime sancionador confuso e non garante a preservación do medio ambiente. A parlamentaria socialista engadiu que a norma “non potencia a participación social nin o consenso” e acusou ao goberno galego de ter falado unicamente coas organizacións de caza, excluíndo aos agricultores ou aos propietarios dos montes veciñais.

A lei non serve como dinamizadora do medio rural nin contempla medidas efectivas para o seu desenvolvemento. Con este proxecto lexislativo, afirmou Vilán, “pérdese unha oportunidade de xuntar as posicións de todos os sectores implicados”. Galicia cambiou moito nestes 16 anos que transcorreron desde a redacción da anterior lei. Pasamos dunha caza de carácter social á práctica da caza maior, quedan sen resolver as posicións xurídicas de cada parte, propietarios, cazadores e outros usuarios do monte.

Tampouco resolve o réxime sancionador nin a compensación de danos pola fauna salvaxe. Algo ao que contribuíu de xeito definitivo a “intransixencia e a falta de interese en chegar a consensos por parte do Goberno e do Partido Popular”, insistiu Vilán.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar