Veto do PP a tódalas emendas aos orzamentos

Veto do PP a tódalas emendas aos orzamentos

Veto do PP a tódalas emendas aos orzamentos

Méndez RomeuO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, criticou que o goberno galego permaneza “alleo á realidade social e afastado das preocupacións da cidadanía” ao rematar o debate en Pleno dos orzamentos para 2015 sen aprobar unha soa das emendas presentadas pola oposición, incluíndo as mais de 600 dos socialistas galegos.

O responsable socialista acusou ao goberno galego de tomar os Orzamentos “como as táboas da Lei que non admiten modificación” para rexeitar todas e cada unha das propostas que os socialistas trasladaron ao debate por demanda expresa da cidadanía. Denunciou que o PP despreza sistematicamente estas propostas para reducir ao Parlamento a unha “representación virtual”, acentuando o descrédito da política.

Méndez Romeu acusou a Feijóo de ter “masacrado xeracións enteiras de galegos e galegas no altar da austeridade” logo de seis orzamentos consecutivos “para que tódolos indicadores socioeconómicos sexan peores”. Dixo que o presidente da Xunta lidera “unha revolución para a extracción dos que menos teñen en favor dos que mais teñen”.

Denunciou que o PP rexeitara tódalas emendas socialistas, “perdendo 600 oportunidades para encetar políticas a favor dos cidadáns”, e que supuñan mobilizar 720 millóns de euros dos orzamentos. Entre estas iniciativas, lembrou, incluían 140 millóns de euros para un Plan de Emprego e outros 140 á loita contra a pobreza, unha lacra erradicada durante décadas de Galicia e que “volveu con vostedes co seu peor rostro, o da exclusión social”.

Acusou ao goberno galego de negarse a cambiar “unha coma” dos Orzamentos “nin sequera coa evidencia de que están mal escritos”, para despois deixar unha terceira parte dos orzamentos sen executar, como sucede coas contas de 2014. Ao tempo, e paradoxalmente, dixo, o goberno galego “gasta o que non está orzamentado”, en alusión aos mais de 15 millóns de euros investidos en publicidade.

Fracaso

Méndez Romeu apuntou que os orzamentos do próximo ano “evidencian o fracaso da política de austeridade, consolidan o recorte do gasto social e non comprometen recursos á reactivación económica e á loita contra o desemprego”. Así, lembrou que Feijóo destinará en 2015 un 60 por cento menos de recursos á loita contra o desemprego dos que destinaba en 2009 “con cifras moi superiores”.

Ademais, en comparación con 2010, teñen retirado 1.815 millóns de euros de gasto social, un 20 por cento, e mesmo “a recuperación económica que pregoa o goberno de España non está presente nas partidas orzamentarias da Xunta”. Así, explicou que Feijóo ten sumido á economía galega no estancamento económico “sen perspectivas de crecemento nun futuro próximo”, como sinalan tódolos indicadores.

A realidade é que a economía galega medrou un 30 por cento menos que a estatal, o emprego medrou á metade sendo ademais “de peor calidade e precario” e “necesitaremos como mínimo 9 anos para volver ás cifras de 2009”, mentres Feijóo dispara a débeda pública ao 18 por cento do PIB.

Os socialistas forzaron o voto separado de algunhas das emendas fundamentais para evidenciar o rexeitamento do PP ás propostas sociais e de recuperación económica. Neste sentido, reclamaron a creación dun Fondo de Desemprego, un Plan de Loita contra a Pobreza, o acceso universal á xustiza, a equidade do sistema educativo e a mellora das instalacións nos centros ou o reforzo do servizo público de emprego.

Tamén solicitaron a recuperación do persoal de atención primaria amortizado polo goberno galego, logo de seis anos negándose a repoñer as prazas dos profesionais xubilados, así como a devolución do hospital privado de Vigo ao sector público. Todas estas propostas foron votadas en contra polo PP, xunto coa emenda socialista específica para construír o dique flotante de Ferrol.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar