Veto do PP a modificar a Lei do Solo

Veto do PP a modificar a Lei do Solo

Veto do PP a modificar a Lei do Solo

O responsable da área de Territorio do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, criticou hoxe o veto do PP á reforma “inevitable” da Lei do Solo, unha norma que demostrou que “ten máis buratos que un queixo de gruyere”. Os socialistas presentaron unha proposición de Lei para salvar a inseguridade xurídica que provoca nos concellos sen planeamento xeral e no relativo ao suelo de núcleo rural.

O responsable socialista afeoulle ao PP que xustificara o seu “sostenella e non emendalla” con esta norma en base a “mentiras gordísimas” para agochar unha norma que supón un fiasco e que empeora o texto anterior e descarga nos alcaldes a responsabilidade de conceder licencias co risco da súa ilegalización posterior.

Sánchez Bugallo reclamou a modificación da norma no que se refire aos 58 concellos que carecen planeamento xeral nin normas subsidiarias municipais, que tan só teñen delimitación de solo urbano ou carecen dun instrumento de planeamento propio. Explica que a Lei sinala que unicamente poderá edificarse en terreos de solo urbano consolidado, da que carecen 42 destes concellos.

Con esta norma, os alcaldes afectados, a maioría do PP, “non poderían conceder licenza nin para facer unha explotación agraria”, polo que reclamou circunscribir este requisito ao solo urbano, e dentro deste ao consolidado. No resto deberán ser aplicadas as normas provinciais de forma supletoria.

O parlamentario socialista reclamou tamén modificar a situación das explotacións agrarias e gandeiras en solo de núcleo rural, ás que a nova norma “lles crea un problema onde non o había”. A nova Lei fai desaparecer a autorización expresa que concedía a DT 11 da Lei anterior para que as explotacións agrícola – gandeiras anteriores ao 1 de xaneiro de 2003 puideran renovarse e mesmo ampliarse nun 50 por cento.

En lugar de incluír “cinco palabras” para recuperar a regulación da Lei anterior, que permitía continuar ás explotacións agrarias e gandeiras en solo de núcleo rural ou rústico anteriores a 2003, e mesmo incrementarse nun 50 por cento, a norma actual “obriga a modificar 256 plans de ordenación e facer 58 novos” para acadar esa posibilidade.

Lembrou que mentres 91 concellos tardaron 15 anos en facer os seus PXOM, agora pretende modificar 256 antes de setembro para non perder as axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia. Advertiu que “isto vaise modificar porque non ten outra solución” diante do calibre dos “problemas” que provoca a norma.

Palabras, só palabras

O deputado socialista reduciu os compromisos do goberno galego a “palabras, só palabras, e ningunha delas certa” cando anunciaba unha suposta aposta por un rural “vivo” e unha norma que garantiría “seguridade xurídica” e axilizar a aprobación dos plans xerais de ordenación municipal nun 75 por cento.

Sinalou que a ameaza de recurso de inconstitucionalidade presentada polo goberno central evidencia o nivel das eivas que padece a norma. Bugallo reclamou a comparecencia da conselleira para dar conta da apertura dun procedemento negociador co Estado nun prazo de 9 meses diante da ameaza dun recurso de inconstitucionalide.

Sinala que as discrepancias afectan a “elementos troncais e determinantes da Lei”, que de ser suspendidos deixarían o texto nunha “lei inútil e baleira” de contido. O Estado cuestiona a cesión do dereito de aproveitamento do solo, competencia estatal, o regulamento do solo rústico e o solo rústico de especial protección, que afectan ao 93 por cento do territorio, e o regulamento dos procedementos de adquisición do chan por parte das administracións públicas e nomeadamente a regulación da expropiación forzosa e da ocupación directa.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar