Veto do PP a garantir subministro enerxético ás familias con dificultades

Veto do PP a garantir subministro enerxético ás familias con dificultades

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, criticou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista dirixida a garantir o subministro enerxético ás familias en situación de pobreza enerxética. Losada lembrou que Galicia conta hoxe con 37.000 fogares sen ingresos, un 17 por cento máis que hai un ano, 7.000 vivendas sen inodoro e 10.000 sen evacuacións residuais, de acordo co Ministerio de Fomento.

A iniciativa, debatida hoxe en Comisión parlamentaria, foi aprobada parcialmente co acordo unánime sobre a reactivación parlamentaria da Iniciativa Lexislativa Popular sobre pobreza enerxética e negociar un protocolo de colaboración, en colaboración coa Fegamp, coas concesionarias do subministro de auga para impedir que se suspenda o abastecemento a familias en dificultades.

Criticou que o PP rexeite comprometerse “consigo mesmo” e fagan valer o papel de Feijoó “como escudeiro do PP en Galicia e España”, rexeitando compromisos da Xunta e goberno central e aprobando unicamente os relativos á Fegamp.

Criticou o “tique social” posto en marcha polo goberno e defendido polo PP porque, dixo, “non chega”, xa que mentres as enerxéticas acadan cifras récord de beneficios, a Xunta concédelle a axuda a apenas 6.000 dun total de 37.000 fogares. Cuestionou tamén que o PP “saque peito” co incremento de beneficiarios da Risga, cando “significa que hai más persoas en dificultades ás que non son capaces de proporcionarlles traballo”.

Losada lembrou que hoxe hai en torno a 300.000 persoas en Galicia, o 10 por cento da poboación, que teñen dificultades para afrontar as facturas da luz, unhas facturas que por outra parte levan xa seis meses de suba e “todas as análises apuntan a novas subas”. Ademais, hai 100.000 familias que non poden manter a casa a unha temperatura adecuada, “cos riscos que iso comporta para a poboación”.

O parlamentario socialista apunta que o recente suceso rexistrado en Cataluña “ten situado ao país diante da dura realidade da pobreza enerxética” e reclamou medidas en sintonía coa lexislación comunitaria encamiñada a protexer ás persoas máis vulnerables e loitar contra a pobreza enerxética, garantindo unha vida digna e custes asumibles, e prohibindo a desconexión en momentos críticos.

O PP rexeitou pedirlle á Xunta unha liña de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de electricidade e gas, que garanta que ningún fogar quede sen cobertura entre o 1 de novembro e o 31 de marzo. Tamén vetaron a proposta para demandarlle ao Goberno de España un proxecto de Lei de protección dos consumidores vulnerables e contra a pobreza enerxética.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“1 O Parlamento galego acorda a que se continúe coa máxima dilixencia posible a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular sobre pobreza enerxética, cuxa toma en consideración foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia na anterior lexislatura.

2 O Parlamento galego insta á Xunta a negociar un protocolo de actuación, en colaboración coa Fegamp, coas empresas concesionarias do subministro de auga, que impida que se poida suspender o servizo de abastecemento de auga a unha familia por razóns económicas, cando os recursos familiares non permitan cubrir o seu pago”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar