Veto á fiscalización da concesión do Hospital de Vigo

Veto á fiscalización da concesión do Hospital de Vigo

Veto á fiscalización da concesión do Hospital de Vigo

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, criticou hoxe o novo veto do PP a unha proposta socialista para que o Consello de Contas fiscalice a concesión do Hospital de Vigo. Así o dixo no debate das recomendacións presentadas ao Plan Anual de Traballo presentado polo órgano fiscalización hoxe na Cámara autonómica.

O responsable socialista acusou ao PP de “preocuparse máis por disfrazar o Hospital para mentir dicindo que é un centro público que de garantir a calidade asistencial na cidade máis grande de Galicia”. Así o dixo logo dunha emenda presentada polo PP na que “o único relevante era que pretendían facer pasar por público un centro construído por unha empresa privada e xestionado por unha empresa privada”.

O PP impediu así que a fiscalización da concesión deste polémico hospital, que incluiría unha análise tanto do proceso de construción e equipamentos como da súa posta en funcionamento, tal e como reclamaban os socialistas. Vetaron ademais unha proposta para que o Consello de Contas “realice un informe no que se emita opinión sobre o tipo de xestión e o titular da propiedade no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”.

Tampouco se amosaron de acordo os representantes do PP cunha Recomendación presentada polos socialistas para realizar dous informes sobre a contratación ou externalización de servizos do Sergas e por parte da Consellería de Política Social e as entidades dependentes. Queren impedir, dixo, a comparativa entre o custe e as diferenzas de prezos dos servizos externalizados coa súa xestión cen por cen pública.

González Santín sinalou ademais o veto á proposta de fiscalización da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia –Amtega-, incluíndo o seu funcionamento e os procesos de contratación administrativa por ser un dos entes do goberno galego que máis contrata, así como da Axencia Galega de Innovación.

Arbitrariedade

A Comisión para as relacións co Consello de Contas aprobou sen embargo a proposta socialista para que o ente fiscalice a aplicación dos criterios de solvencia nas contratacións da Xunta de Galicia. O obxectivo é, segundo sinala a proposta, que “estes non podan ser criterios subxectivos ou avaliables por unha soa persoa, dando de feito lugar a exclusións de empresas de forma arbitraria”.

Tamén foron aprobadas dúas recomendacións para fiscalizar as resolucións e acordos que vaian contra os interventores dos concellos de menos de 20.000 habitantes, así como fiscalizar a estes concellos “segundo o volume de recoñecementos extraxudiciais de créditos”.

O Parlamento aprobou tamén unha proposta socialista para que o Consello de Contas presente os plans anuais de traballo no mes de outubro anterior ao do exercicio do que se trate.

González Santín explicou que desta forma permitirían incluír as recomendacións aprobadas no Parlamento, e sinalou que o informe para o ano 2016 foi debatido hoxe mesmo, xa entrado o mes de marzo e practicamente concluído o primeiro trimestre.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar