Veto á Comisión de Investigación sobre a xestión do lume de Fandicosta

Veto á Comisión de Investigación sobre a xestión do lume de Fandicosta

Veto á Comisión de Investigación sobre a xestión do lume de Fandicosta

O deputado socialista Abel Losada denunciou hoxe a “incompetencia, o sectarismo político de libro e a privatización” no eixo da “xestión nefasta” do lume de Fandicosta, en Domaio. Así o dixo no debate da solicitude de constitución dunha Comisión de Investigación sobre a xestión das Emerxencias naquel suceso que foi vetada polo PP.

O responsable socialista presentou as transcricións das conversas entre a central de Emerxencias 112 e os bombeiros de Vigo, remitidas hoxe pola Xunta, para demostrar que o goberno galego priorizou a participación dos parques privados de Cangas, Porriño e Ribadumia. Mentres, dixo, prescindían do parque público e mellor dotado de Vigo, que tivo que acudir case unha hora despois a petición do propietario da empresa.

Losada censurou a neglixencia da xestión de emerxencias ao enviar uns medios manifestamente insuficientes para enfrontarse a un incendio que ameazaba dous depósitos de 5.000 litros de amoníaco cada un, a carón de dúas estacións de servizo e varias vivendas unifamiliares.

Censurou as acusacións do goberno galego ao criticar unha suposta “irresponsabilidade do concello e o alcalde de Vigo” e atacar a unha suposta falla de informes das deputacións provinciais cando a única administración competente e polo tanto responsable era a Xunta de Galicia. Sinalou que “non se pode tapar a actuación dun goberno lanzando a responsabilidade sobre administracións sen competencia”.

Advertiu do risco que supón o sistema do goberno galego de priorizar os parques privados, como se repetiu “cinco días despois, cando ardeu unha casa en Fornelos de Montes e en vez de chamar ao parque municipal de Redondela, a 18 quilómetros, chamaron ao de Avión, a 40 quilómetros de distancia”.

Protocolo

Losada urxiu á “necesidade de sistematizar e protocolizar os sistemas de emerxencias” para afrontar as ameazas de catástrofe, e sinalou que resulta “imprescindible cambiar o protocolo e conveniar o sistema de emerxencias comarcal coas grandes cidades”. Considera “imprescindible coñecer antes qué pasou” a través dunha Comisión de Investigación.

Considera “incomprensible” que a Xunta sexa “capaz de facer un convenio con Asturias para atender ás zonas fronteirizas de montaña pero non pode acordar un convenio semellante cos parques urbanos de bombeiros con máis medios humanos e técnicos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar