Verdes: “Feijóo suprime a Consellería de Agricultura pola súa incapacidade para afrontar a problemática do sector”

Verdes: “Feijóo suprime a Consellería de Agricultura pola súa incapacidade para afrontar a problemática do sector”

Verdes: “Feijóo suprime a Consellería de Agricultura pola súa incapacidade para afrontar a problemática do sector”

O Grupo Socialista advertiu hoxe que Feijóo ven de “suprimir” a Consellería de Agricultura “diante da súa incapacidade para afrontar a problemática do sector”. As portavoces de Pesca e Agricultura, Marisol Soneira e Sonia Verdes, respectivamente, criticaron hoxe a fusión das consellerías de Mar e Medio Rural por canto supón “unha perda de peso específico para os dous departamentos”.

Sinalan que esta é a primeira vez na historia de Galicia en que ningún dos dous sectores ten consellería propia xerando unha situación de “menoscabo de dous sectores estratéxicos para Galicia como son o Mar e a agricultura e gandería –xunto co sector forestal-”.

Pola súa banda, a portavoz de Pesca, Marisol Soneira, dixo que o novo organigrama supón “toda unha declaración de intencións e un cambio de cromos absurdo que non fai mais que confirmar o ninguneo á pesca iniciado dende o Goberno central, eliminando á pesca do nomenclátor do Ministerio”.

Falla de experiencia

A responsable de Agricultura salienta ademais a falla de experiencia profesional e política da nova titular nos asuntos relacionados co medio rural, co que “significa a rendición de Feijóo para resolver os problemas de afronta o medio rural e os sectores produtivos vinculados a el”. Lembrou que o conselleiro saínte, Samuel Juárez, “empezou a lexislatura anunciando un plan de abandono para logo dicir que este era irreversible”.

Finalmente, dixo, “logo de pechar 2.000 explotacións e desmantelar as políticas para o medio rural, Feijóo tira definitivamente a toalla”, co que sinala que “non mingua o número de consellerías, senón que mingua o medio rural condenándoo definitivamente a desaparecer”.

Salientou que a decisión “súmase ao nomeamento do ministro Arias Cañete, avalado por unha nefasta xestión previa para Galicia e a desaparición da Secretaría de Estado do Medio Rural”. Fixo unha “valoración moi negativa” para uns sectores que “están a padecer a crise en maior medida”, que no caso do medio rural súmase a “unha reforma da PAC que esixe o liderado de Galicia mentres Feijóo opta por renderse ante o Ministerio”.

Axenda

Advertiu que esta decisión foi tomada diante dunha axenda de “asuntos vitais para o futuro do medio rural galego”, como son o desenvolvemento do paquete lácteo e a consolidación das organizacións de produtores de leite, ou a creación do grupo lácteo galego, a fin de aportar estabilidade ao sector leiteiro que poida encarar a liberalización da produción cara o ano 2015.

A estes súmase o impulso de medidas de desenvolvemento rural, a Lei de Mobilidade de Terras ou a Lei de montes, que permitan dotar de maior competitividade ás explotacións e apostar pola diversificación de actividades do medio rural para a súa diversificación.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar