Ven á Xunta “xorda, cega e muda” diante da recesión económica ao deixar sen executar 842 millóns de investimento do orzamento de 2011

Ven á Xunta “xorda, cega e muda” diante da recesión económica ao deixar sen executar 842 millóns de investimento do orzamento de 2011

Ven á Xunta “xorda, cega e muda” diante da recesión económica ao deixar sen executar 842 millóns de investimento do orzamento de 2011

María José Caride advirte que Feijóo ten sen pagar 680 millóns de euros en facturas

Marisol Soneira advirte que Mar é o departamento “mais incompetente e inútil da Xunta” con 137 millóns sen executar

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, dixo hoxe que o Goberno de Feijóo permanece “xordo, cego e mudo” diante da recesión demostrándose “inútil e incapaz” de reactivar a economía galega. Caride advertiu que, de acordo cos datos de execución orzamentaria de 2011 publicados hoxe, deixou sen executar 842 millóns de euros de investimento produtivo do orzamento de 2011.

Caride explicou que a Xunta gasta unicamente en gastos de funcionamento e gasto corrente deixando desatendido o gasto produtivo, o único que podería dinamizar a economía galega. Explicou que só executou o 61 por cento de investimento produtivo, co que de cada 100 euros do orzamento de 2011, só 12 foron destinados a investimento produtivo e os 88 restantes a gasto corrente.

A responsable socialista advirte que Feijóo demóstrase “incapaz de artellar unha alternativa” e mantense empecinado en manter os orzamentos para 2012 que facían unha previsión de crecemento do 1 por cento malia que “a realidade evidencia que a economía de Galicia está en recesión e rematará decrecendo un 1,5 por cento”. Considera que os datos coñecidos hoxe evidencian que o presidente da Xunta “só ten austeridade de ideas”.

A responsable socialista sinala que o goberno galego “tira a toalla fronte á crise” e demostra que carece de iniciativa de xestión, cunha lamentable “falla de estratexia fronte á crise” que está a provocar o deterioro do servizos e o incremento do desemprego.

Facturas

Ademais, advertiu que Feijóo ten actualmente un total de 680 millóns de euros de facturas pendentes de pago, ademais doutros 668 millóns correspondentes a compromisos de pago pola que non deron lugar a propostas de pagamento ben pola paralización de obras ou pola non certificación das obrigas da Xunta.

Mentres, dixo, “non hai un só ingreso competencia da Xunta que aumente” polo que preguntou “ónde están os 230 millóns que supostamente recadaron na loita contra a fraude fiscal”.

María José Caride considerou especialmente grave que coa taxa de paro actual e coa previsión de superar os 300.000 desempregados a finais de ano, Feijóo manteña un total de 160 millóns de euros sen executar correspondentes ao programa de promoción de emprego. A esta cifra hai que engadir 114 millóns tamén sen executar do programa de desenvolvemento e internacionalización empresarial.

Engadiu que no caso do I+D+i o Goberno galego deixara sen executar no ano 2011 un total de 40 millóns de euros, mentres ao mesmo tempo reduce os investimentos nesta partida e suprime as bolsas para investigadores. Anunciou que os socialistas galegos reclamarán os datos de execución correspondentes ao Igape, o IGVS, o SPI e Augas de Galicia, que non están incluídos na relación publicada hoxe.

Mar

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Marisol Soneira, explicou que o departamento do Mar da Xunta de Galicia “é con diferenza o que peor xestiona os seus recursos”, deixando sen executar “por pura incompetencia” un total de 137 millóns de euros correspondentes a modificacións de crédito. Acusou a Feijóo de facer “prescindible” este departamento e dixo que “agora entendo que o diluíra na Consellería do Medio Rural”.

Dixo que este departamento revelouse como “o mais incompetente e inútil dos que ten a Xunta de Galicia” ao ser “incapaz de investir os seus propios recursos”, e advertiu que mesmo podería obrigar á Xunta a devolver as axudas europeas cofinanciadas polo Goberno galego.

Explicou que, ante o remate do período do Fondo Europeo da Pesca en 2013, “si a Xunta non é capaz de executar a súa parte, podemos ver cómo, no peor da crise, terá que devolver fondos á UE por pura incapacidade”.

Sinalou ademais que a acuicultura galega leva 3 anos “sen recibir un só peso” da Xunta de Galicia, que renuncia ao potencial de investimento deste sector, mentres o apartado de portos e infraestruturas pesqueiras só executou un 24 por cento dos orzamentos consignados.

A responsable socialista acusou ao goberno galego de “deixar tirados a amplos colectivos sociais dos mais vulnerables”, e lembrou que estiveron sen pagar as xubilacións anticipadas durante todo o ano 2011 e ata o pasado mes de febreiro.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar