Ven a Feijóo “nervioso diante de ser collido nunha falsidade” sobre o peche do exercicio orzamentario en setembro

Ven a Feijóo “nervioso diante de ser collido nunha falsidade” sobre o peche do exercicio orzamentario en setembro

Ven a Feijóo “nervioso diante de ser collido nunha falsidade” sobre o peche do exercicio orzamentario en setembro

José Luis Méndez Romeu advirte que ao presidente da Xunta “sóbralle soberbia e fáltalle humildade para recoñecer tódolos indicadores negativos” na súa política local

Sinala que a trampa contable de Feijóo provocou que a Xunta deixara de pagar no último trimestre contías aos concellos que en algúns casos chegaron ao millón de euros

O viceportavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, advertiu que o presidente da Xunta está “nervioso diante de ser collido nunha falsidade”. Así o dixo logo de que Feijóo “reaccionara virulentamente insultando” ao líder da oposición, Pachi Vázquez, logo de que este denunciara o peche do orzamento da Xunta a 30 de setembro de 2011, dous meses e medio antes do habitual.

Méndez Romeu explicou que o presidente tivo esta reacción contra Pachi Vázquez logo de que a interventora xeral da Xunta “recoñecera paladinamente” esta trampa contable nunha comparecencia formal diante da Comisión de Economía do Parlamento esta mesma semana. Deste xeito desmentiu a versión do presidente da Xunta, que a negara previamente na sesión de control do Parlamento para finalmente recoñecela onte mesmo.

O responsable socialista subliñou que ao presidente da Xunta “sóbralle soberbia e fáltalle humildade” para recoñecer que tódolos indicadores da súa política local son negativos, evidenciando que “estamos diante dunha lexislatura perdida nos temas locais. Aludiu así á paralización do Pacto Local, das transferencias xa acordadas, das solucións aos entes supralocais, a Área Metropolitana de Vigo ou a suposta fusión entre Oza e Cesuras.

O deputado do PSdeG-PSOE presentou hoxe unha serie de iniciativas para que a Xunta dea conta documentalmente dos compromisos e as obrigas de pago aos concellos que foron paralizados por mor do peche do exercicio orzamentario antes de tempo. Advertiu que, de acordo cos datos en poder dos socialistas galegos, o Goberno galego deixou de pagar aos concellos no último trimestre contías que en casos acadan o millón de euros.

Méndez Romeu explicou que, malia que o goberno galego reiniciou os pagos unha vez iniciado 2012, o peche da ventanilla de San Caetano provocou que os concellos tiveran que asumir as obrigas correspondentes á Xunta en base aos fondos propios ou recorrendo ao endebedamento. Este foi o caso, explicou, do Plan Concertado de Servizos Sociais, executado polos concellos con fondos do goberno central que a Xunta debera repartir.

Sinalou que os concellos mesmo tiveron que reter o pago a provedores por esta trampa contable da Xunta que os deixou sen liquidez, como recoñeceu onte o alcalde de A Lama, integrante do PP. Explicou que os concellos galegos supoñen un 2,7 por cento da débeda cando supoñen unha poboación do 6,7 por cento do conxunto de España, polo que “os municipios galegos non son os responsables da situación das contas públicas”.

Risco de intervención

O responsable socialista esixiulle hoxe ao presidente da Xunta “algo de rigor” e “unha explicación” logo de que onte advertira do risco de intervención en 10 concellos galegos, 9 deles gobernados polo PP e outro por un grupo independente, para destacar tan só o de Foz, que foi socialista ata 2009, ofrecendo “cifras equivocadas”.

Advertiu que o presidente da Xunta obviou que este concello aprobou onte mesmo un canon de saneamento para pagar a débeda en 3 anos renunciando a pedir financiamento do Estado. Lamentou que Feijóo “nada dixera” de Ponteareas, que ten 300 empregados públicos, 49 contratacións sen publicidade nin procedemento público e unha longa tradición de gobernos do PP mentres a Xunta “mira para outro lado”.

Tamén esqueceu Feijóo falar de Os Blancos, onde o ex presidente da deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar, cedeu o seu nome a unha praza, unha rúa, un polideportivo e mesmo conta cun grupo escultórico “dedicado á súa memoria perenne”, e onde o anterior alcalde, do PP, tivo que ir á cadea por prevaricación, falsificación documental e malversación “e agora hai unha débeda insoluble e non se poden pagar as facturas”.

Dixo que a Xunta debera “ofrecer unha explicación aos cidadáns” logo de que o modelo de funcionamento da deputación de Ourense se estea replicando nos concellos do PP. Lembrou as iniciativas do Grupo Socialista sobre a construción nesta provincia de 100 depuradoras con cargo a fondos europeos que están sen funcionar e rexistraron “unha dubidosa contratación en termos administrativos”.

Ocorrencias

Advertiu que o presidente da Xunta está a desenvolver unha política local baseada nas “ocorrencias” mentres non foi quén de iniciar o grupo de traballo para o estudo de posibles reformas nas corporacións locais acordado no último debate do Estado da Autonomía. En cambio, o que si fixo foi convocar uns “premios” que suman 100.000 euros para estimular procesos de cooperación e solucións mancomunadas.

Sinalou que supón un “dubidoso camiño para fomentar economías de escala a través de fórmulas de asociación supralocal”, e engadiu que mesmo o proceso de fusión de Oza e Cesuras, anunciado como gran iniciativa en política local da Xunta, está paralizado sen que teña sido entregado “nin un só documento á oposición nin aos veciños” e puntualizou que “non hai debate porque a proposta non existe”.

jfdghjhthit45

32641281A

Artigos relacionados

Pechar