Vázquez sinala que os últimos orzamentos de Feijóo condenan a Galicia ao “paro, a perda de peso económico e a desaceleración”

Vázquez sinala que os últimos orzamentos de Feijóo condenan a Galicia ao “paro, a perda de peso económico e a desaceleración”

Vázquez sinala que os últimos orzamentos de Feijóo condenan a Galicia ao “paro, a perda de peso económico e a desaceleración”

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, criticou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2012, os últimos que xestionará Feijóo, condenan a Galicia ao “paro, a perda de peso económico e a desaceleración”. Reclamou a devolución das contas da Xunta no debate de totalidade dos Orzamentos que tivo lugar hoxe no Pleno do Parlamento e propuxo a mobilización de 408,5 millóns de euros para dedicalos a servizos sociais e investimento produtivo.

Pachi Vázquez acusou ao presidente da Xunta de “ancorar este barco na tempestade da crise, e ancorado vai seguir o próximo ano, porque con este orzamento seguiremos afundíndonos cada vez un pouco mais”. Desbotou os orzamentos por estar “baseados en premisas falsas, partindo da hipótese dun comportamento mellor que o da economía española sen que haxa un só dato que poida soster este argumento”.

Así, lembrou que Feijóo xa sumou 64.000 novos parados, aumentando a taxa de paro nun 42 por cento, o dobre do 24 por cento do conxunto do Estado, e sinalou que as empresas en concurso de acredores creceron nun 200 por cento con relación a 2008. Ademais, dilapidou o diferencial de crecemento positivo co resto do Estado, ata o punto que para o ano 2012 está previsto que o PIB aumente un 0,2 menos que o conxunto do Estado.

Ademais, sinalou que a produción industrial galega leva máis dun ano en termos negativos, cunha caída anual do 8,8 por cento, cinco veces mais que no conxunto do Estado. Mentres, a xestión de Feijóo ocasionou o peche de 2.000 explotacións no medio rural, perdendo 6.000 empregos, e un sistema financeiro “moito menos robusto e mais empobrecido”.

O líder socialista reclamou un orzamento alternativo que permita, ao tempo que cumpre coa estabilidade orzamentaria, “reforzar a consolidación dun novo modelo de crecemento, máis produtivo e competitivo, e manter o compromiso cos servizos públicos esenciais”. En definitiva, esixiu “un compromiso real coa educación, coa sanidade e coas políticas sociais” fundamentais para manter a cohesión social diante da crise económica.

Vázquez amosou o compromiso de “traballar para sacar adiante o país pero non en base a pechar os ollos e ir pechando escolas, anulando bolsas de estudos, reducindo axudas ás universidades, non apostando pola sociedade do coñecemento, retirando o seguro a quen perde a prestación de desemprego e retirando comedores escolares a quen non pode pagalos”.

Paro

Pachi Vázquez cualificou de “insensible e ominoso” que Feijóo teña presentado uns orzamentos que “farán aumentar o desemprego para 2012”, pasando de destinar 1.060 euros por parado en 2009 a só 335 en 2012, co que “canto máis paro, a Xunta destina menos recursos”. Criticou que “continúan a rebaixar as dotacións para as políticas activas de emprego” en 182 millóns de euros.

Vázquez criticou que “dedican ás políticas activas de emprego un 82 por cento menos que en 2009 a pesares de ter un 42 por cento máis de parados”. Así, mentres os Fondos Estatais e o Fondo Social Europeo incrementan as partidas para políticas de emprego, a diminución dos fondos propios da Xunta provocan a caída global dos recursos para a promoción do emprego.

Advertiu que o orzamento de 2012 reducirá en 18 millóns de euros os programas de contratación de desempregados, mentres diminúen en 11 millóns o programa de promoción do emprego autónomo ou os recursos dedicados á mellora da FP dos desempregados ou da cualificación do emprego.

Mazazo ao Estado do Benestar

Pachi Vázquez acusou a Feijóo de asestar “un novo mazazo ao Estado do Benestar” apostando pola “senda da privatización e da perda de influenza do poder público” reducindo o gasto social catro veces mais que o resto dos orzamentos. O líder dos socialistas galegos denunciou hoxe unha “estratexia planificada, consciente e sistemática” para perpetrar “un novo e inxusto ataque para socavar os principais servizos públicos”.

Acusou a Feijóo de recortar 1.500 millóns nas partidas de educación, sanidade, protección social, vivenda e cultura, facendo caer o axuste orzamentario sobre os máis débiles. Lembrou que obriga a pagar por primeira vez pola tarxeta sanitaria, propicia a desaparición das gardas de farmacia no rural ou esixe un tempo mínimo de residencia para ter atención sanitaria plena.

Denunciou que Feijóo “privatiza as xestións hospitalarias e camiña cara ao copago mentres limita a atención sanitaria ás persoas sen recursos” e as contas de sanidade “diminúen en atención primaria en 38 millóns de euros mentres dedican 206 millóns a concertos privados”.

Acusou ao goberno galego de restrinxir a asistencia sanitaria para as persoas sen recursos e aos mentres inclúen no decreto de 27 setembro a posibilidade de cobrar polas prestacións sanitarias

Mentres, “recorta a calidade da nosa educación pública, con 3.000 alumnos máis e 1.000 mestres menos” provocando un “retroceso educativo sen parangón” ao recortar as bolsas e prestacións educativas “nun claro retroceso na igualdade de oportunidades e na loita contra o fracaso escolar”.

Endebedamento

O líder dos socialistas galegos acusou a Feijóo de aplicar un “severo recorte dos gastos de capital” reducindo o investimento público “á metade”, a maior caída de toda a historia. Mentres, engadiu, deixa a Galicia “máis endebedada que nunca” cunha carga de 7.000 millóns de euros que deberán ser pagados nas vindeiras seis lexislaturas, co que “hipoteca o futuro e limita a capacidade de decisión nos vindeiros gobernos”.

Pachi Vázquez criticou que Feijóo acadou máis débeda en dous anos e medio que en tódolos anteriores. Dixo así que mentres Feijóo prometía “non gastar un euro máis dos que ingresara” a realidade é que mentres en 2009 cada familia galega soportaba unha débeda de 4.000 euros, hoxe incrementan esa contía ata preto de 12.000 euros

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar