Vázquez pide a implicación dos concellos na defensa do ensino público fronte ao "desastre" da política educativa de Feijóo

Vázquez pide a implicación dos concellos na defensa do ensino público fronte ao "desastre" da política educativa de Feijóo

Vázquez pide a implicación dos concellos na defensa do ensino público fronte ao "desastre" da política educativa de Feijóo

O PSdeG-PSOE presentará unha batería de mocións nos concellos a fin de pedirlles “que se impliquen claramente na defensa do ensino público”. Así o anunciou o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, tras a reunión da permanente da Executiva, na que se analizou a situación da educación en Galicia e da política que desenvolve o Goberno galego nesta materia e que cualificou de “desastre”.

Vázquez aludiu ao “convulso inicio do curso escolar” onde pais e nais, alumnado e docentes “ven angustiados que hai unha perda na calidade da educación e nas prestacións que se dan no ensino público”. Así, apuntou que hai 3.000 alumnos máis e 1.000 profesores menos, un desequilibrio nas inversións públicas e privadas, mobilizacións sociais e descontento xeralizado.

“Os recortes salvaxes non son austeridade, senón que evidencian unha estratexia ideolóxica do PP contra o carácter público, universal e gratuíto do ensino”, sentenciou.

Fronte a isto, reiterou o “firme compromiso” do PSdeG coa educación pública, e avanzou que as iniciativas que presentarán nos concellos pasan por esixir á Xunta que se faga cargo dos comedores escolares, así como becas e axudas para as familias que teñen dificultades para acceder a eles. “Temos que garantir a columna vertebral do futuro, que é a educación, e non vamos permitir que o PP a destroce”, dixo.

“Mentres o Goberno galego di que non ten recursos para educación, o presidente da Xunta gasta os cartos públicos nunha viaxe preelectoral claramente improdutiva a México e Panamá”, denunciou. Criticou que Feijóo non constituíse a Comisión de Emigración en toda a lexislatura e provocase un “deterioro claro das políticas de emigración” pero “cando chega a precampaña, colle os cartos públicos cos que poderíamos contratar profesores e ampliar aulas, e os gasta nunha viaxe preelectoral”.

Candidaturas e Conferencia Política
Por outra parte, Vázquez expresou a “satisfacción” do PSdeG polo proceso de elaboración das listas ao Congreso e ao Senado e o “apoio total ás propostas expresadas pola militancia”. Un proceso que en Galicia concluirá o vindeiro día 3 de outubro, coa reunión da Executiva Galega para pechar as candidaturas e na que “todas as que cumpran os requisitos sairán adiante”, confirmou.

O líder socialista salientou a “valía contrastada dos homes e mulleres que conforman estas candidaturas”, con José Blanco, Francisco Caamaño, Laura Seara e Carmela Silva como cabezas de lista ao Congreso por Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, respectivamente. “Son candidatos e candidatas impresionantes, e teñen toda a confianza do PSdeG”, afirmou.

Destacou que todos e todas “cumpren os requisitos de máxima representatividade e proxección social, e o que lles pedimos é dedicación plena ao cargo que van ocupar”. Asegurou así que o PSdeG velará polo “cumprimento estricto das normas de compatibilidades congresuales e estatutarias”. “Neste partido ninguén vai compatibilizar cargos”, sentenciou.

Vázquez tamén salientou a importancia da Conferencia Política que celebra o PSOE a vindeira fin de semana, na que participarán preto de 80 militantes galegos, e que será “o elemento de referencia sobre os cambios que queremos introducir nas políticas do futuro”.

Adiantou que o PSdeG presentará preto de 100 propostas centradas en elementos de fiscalidade e políticas concretas para crear emprego e tratar de evitar que os gobernos autonómicos manipulen as listas de desempregados como está a facer o Goberno galego. A estas engadírase a blindaxe do carácter público, universal e gratuíto da educación e a sanidade, a través de propostas estatutarias, e a iniciativa para estender a proposta de “un servizo, unha administración” mediante a reforma da arquitectura institucional na política local.

Noutro orde de cousas, Vázquez expresou o apoio incondicional do PSdeG ao PP despois do atentado que sufriu hoxe a fundación Manuel Fraga. “En Galicia non hai sitio para os violentos nin para a violencia”, sinalou, á vez que afirmou que “sentímonos como se fose a nos a quen se nos fai este ataque antidemocrático”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar