Vázquez fai un chamamento ao voto da esquerda “ante un PP que sacou a careta” e recoñeceu que cobrará pola educación e a sanidade

Vázquez fai un chamamento ao voto da esquerda “ante un PP que sacou a careta” e recoñeceu que cobrará pola educación e a sanidade

Vázquez fai un chamamento ao voto da esquerda “ante un PP que sacou a careta” e recoñeceu que cobrará pola educación e a sanidade

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, fixo hoxe un balance do que foi a campaña do PSdeG, que definiu como “austera” e da que salientou “o alto nivel dos candidatos e candidatas socialistas nas catro provincias, e o contacto e compromiso de cada un deles cos cidadáns”.

Nun café informativo, o líder dos socialistas galegos destacou que os candidatos e candidatas do PSdeG “asumiron o corpo a corpo en cada provincia, participando en innumerables actos co obxectivo de facer chegar a nosa mensaxe a toda a nosa comunidade”. “Os socialistas galegos botamos o resto nesta campaña”, sinalou, á vez que salientou a realización de pequenos actos sectorais con grandes mitines, dos que destacou a participación, fundamentalmente, da xuventude.

“O noso principal obxectivo foi centrarnos na defensa dos dereitos cívicos e cidadáns”, apuntou Vázquez, quen considerou que o PSdeG conseguiu transmitir á cidadanía “a marcada diferencia entre dous modelos: o socialista, que avoga por saír da crise cun modelo socialdemócrata, cunha nova fiscalidade e co compromiso de manter os dereitos sociais; e do PP, onde o común denominador é o copago e o recorte de dereitos”.

Destacou como punto de inflexión nesta campaña “o debate entre Rajoy e Rubalcaba, que demostrou que hai un candidato socialista cun proxecto claro e un candidato do PP que non se compromete a nada”. Outro punto e aparte nesta campaña foron as últimas declaracións de Rajoy “nas que quitou a careta e recoñeceu que non defende a educación, nin a sanidade nin a dependencia”.

Efecto mobilizador na esquerda
“Despois disto, os cidadáns xa saben o que se xogan”, sinalou, e afirmou contar con datos que din que “os indecisos estanse movendo,e hai un repunte cara o PSOE. Un movemento claramente alimentado polo feito de que o PP está a ensinar a súa verdadeira cara nesta recta final da campaña, o que ten un claro efecto mobilizador na esquerda”.

A pesar disto, o líder dos socialistas galegos fixo un novo chamamento ao voto progresista e insistiu en que “o modelo do PP en España é mimético ao de Galicia”. Lembrou que “o PP de Galicia foi un dos abandeirados nas políticas de destrucción de dereitos sociais, que son o anticipo do que o PP pretende facer en España se goberna”.

Así, insistiu en que “a dereita en España non ten un modelo para resolver a crise” e que Galicia “é un exemplo disto, porque dende que goberna o PP o que fixo foi aumentar o paro o dobre que en España, duplicar a débeda, conseguir seis veces menos producción industrial, menor crecemento económico e destruír o sistema financeiro”.

“Está claro que a dereita non ten fórmulas”, sinalou, e apuntou que “Rajoy está a copiar o modelo de Feijóo de enganar á xente no que respecta ao modelo de fiscalidade: dicir que baixarán os impostos en campaña, para non facelo despois cando gobernan”. “Con esta imaxe que están creando non me estraña que medre a desconfianza”, engadiu.

Preguntado polos mensaxes de campaña enviados por Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Vázquez criticou que Feijóo “utilice o Consello do Goberno como atril” e lembrou que “xa o fai cada semana cando aproveita esta declaración aos medios para atacar sistemáticamente ao Goberno Central”. “É algo inmoral”, sentenciou, “porque o presidente da Xunta ten que estar ao que ten que estar, que é a gobernar este país”.

No que respecta aos resultados electorais en Galicia, Vázquez amosouse convencido de que o PSdeG “mellorará os resultados da media de España” e marcou como aspiración “manter o noso teito electora le amplialo en provincias como Ourense, onde estamos a piques de acadar o segundo deputado”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar